Plumas con mando | Evencio Ferrero: Unha nova volta na roda da vida

Situacións especiais requiren remedios excepcionais: escribe o alcalde de Carballo 


Carballo / La Voz

A roda da vida está a xirar de xeito permanente e, teimuda ela, unha e outra vez agardamos que volva a pasar. E cando non é un é outro, pero estamos a seguir saltando obstáculos, carreira a carreira, vieiro a vieiro. Nese ir e vir, o péndulo colocouse no peor lugar, no sitio que obriga a un traballo intenso, a unha tensión permanente, a tomas de decisións continuas para garantir seguridade e saúde, a priorizar a atención ás persoas que precisan axuda, a mirar cara adiante, porque sempre quixemos ser traballadores para facer de Carballo un bo lugar para vivir.

A nova realidade sanitaria provoca unha nova realidade social que deriva nunha fonda crise económica e que nos sitúa nun escenario, descoñecido ata agora, no que estamos obrigados a dar resposta a novas demandas, mantendo principios de identidade que fan de Carballo un lugar de referencia en xestión municipal. Unha das fortalezas do noso Concello é a tremenda capacidade para seguir atendendo as solicitudes de melloras que nos chegan dende consellos parroquiais, entidades ou veciñanza. Non deixa de sorprenderme que un concello como o noso teña máis capacidade de investimento que cidades como Ourense, Santiago, Lugo ou Ferrol, e iso sempre será extraordinario.

Esas novas obras xeran máis servizos, máis calidade urbana, máis equilibrio territorial e máis emprego. De feito, a construción é un dos sectores que está a superar a crise grazas a este esforzo das Administracións, e sempre agrada ver empresas que naceron entre nós e que son capaces de prestar servizos de alta calidade.

A boa saúde económica dun concello como Carballo permite que tamén se fagan novas lecturas dun orzamento que foi elaborado a finais do ano pasado, cando ninguén podía albiscar a realidade presente.

Novos gastos, novos compromisos, novas decisións para dar resposta a moitas novas necesidades en axudas a familias, en apoio ao comercio e hostalería, nunha maior esixencia na limpeza en centros educativos, en máis garantías sanitarias e laborais para o persoal municipal, en adecuación de espazos para cultura e deporte, en desinfeccións de espazos e edificios públicos, en redución ou supresión de determinadas taxas municipais… Sempre procurando a atención necesaria para as familias e as fórmulas máis axeitadas para reforzar a actividade económica, como está a demostrar o éxito acadado coa tarxeta Sempre Carballo, que requiriu un investimento de 750.000 euros que tivemos que retraer doutros gastos programados no orzamento. Pero sabe ben que servira para reforzar comercio e hostalaría.

Situacións especiais requiren remedios excepcionais, por iso o grande esforzo económico que estamos a facer os concellos debería ter certa compensación por parte das administracións nas que residen moitas das competencias que nos vimos obrigados a asumir, pero só a Deputación Provincial da Coruña foi quen de interpretar con xenerosidade esta nova exixencia que deriva nun enorme esforzo económico.

Os recursos municipais sempre serán limitados. As necesidades superarán sempre as posibilidades de atendelas, pero con erros e con acertos fomos interpretando as novas demandas para procurar minorar ese impacto económico. O futuro, tamén o inmediato, segue a ser incerto. Deberemos seguir adoptando decisións para dar resposta ás necesidades da veciñanza, que sempre foi e será a nosa prioridade, porque a roda da vida segue a virar e noso esforzo non pode ser inútil.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Plumas con mando | Evencio Ferrero: Unha nova volta na roda da vida