Verto ou Brays Efe, no último día do festival CIP carballés

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Para as 22.00 horas está prevista a gala de clausura, na que se coñecerán as series web gañadoras

21 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A séptima edición do festival Carballo Interplay, a primeira totalmente dixital a causa do covid-19, botará hoxe o peche. O sábado era, tradicionalmente, o día grande, e ese espírito de expectación mantense, en tanto que para as 22.00 horas está prevista a gala de clausura, na cal se darán a coñecer os nomes das webseries gañadoras deste 2020, con candidaturas chegadas dende moi diversas partes do mundo. Poderá seguirse, coma o resto do programa, vía Facebook, Youtube e Twich: Xosé Barato, actor e presentador, será o mestre de cerimonias desta sesión que adapta a súa temática á situación actual, reflexionando sobre as novas formas de relacionarse hoxe. Antes desa gala, non obstante a xornada vén intensa e cun bo número de convidados e puntos de análise.

No CIP de hoxe conversarase con Alberto Mira e Fernando Peleteiro, Verto, o grupo revelación do pop galego que arrasa nas redes sociais; co protagonista de Paquita Salas, Brays Efe, e mais coas súas entrevistadoras, as artífices de Radio Primavera Sound (dirixe Marta Salicrú, xornalista musical) e do seu Ciberlocutorio, Anna Pacheco e Andrea Gumes. Tamén se fará un repaso ás barricadas da comedia feminina en Internet con Lorena Iglesias, Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos) e Sara García, máis coñecida como PennyJay. O Carballo Interplay moverase hoxe, pois, pola Internet máis feminista, diversa, aberta e disidente. Rematará coa gala de clausura unha edición ben especial, a primeira na que as webseries da sección oficial, por certo, se puideron ver e votar dende a casa. Todas as propostas son de acceso libre, de balde.

O programa, en detalle

  • 11.00 • Tías graciosas: un repaso polas barricadas da comedia feminina. Con Lorena Iglesias, Penny Jay, Victoria Martínez (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos).
  • 12.30 • Presentación de Radio Primavera Sound, con Marta Salicrú + Cirberlocutorio: podcast en directo con Ana Pachoe e Andrea Gumes, que terán como convidado a Brays Efe.
  • 17.00 horas • Sección Oficial. Bloque internacional 2.
  • 18.30 horas • Sección Oficial. Bloque estatal 2.
  • 20.00 horas • Encontro con Verto: Fernando y Alberto.
  • 22.00 horas • Gala de clausura: conduce Xosé Barato.