«Xan nace do noso interese por explorar o humor e os seus límites»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O proxecto de «Xan» venceu na pasada edición do festival Carballo Interplay e este 2020 será a estrea: mércores, día 18. Fala Lucía Estévez, directora 

15 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cun formato 100 % dixital, como así o requiriu finalmente a actualidade da pandemia, o festival Carballo Interplay celebrará a súa sétima edición do 18 ao 21 deste mes, para a semana. Sempre tivo como inquedanza xerar espazos para favorecer a creación de contidos audiovisuais para a rede en galego: así, dende hai catro anos, concédese o Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega. As gañadoras da pasada edición foron Amnesia 3.0 e Xan, que se estrearán precisamente este ano: Xan, o mércores 18, ás 22.00. Dirixe este traballo a viguesa Lucía Estévez. Estudou Comunicación Audiovisual en Pontevedra e en terceiro de carreira comezou a traballar en rodaxes, no departamento de cámara. Durante estes últimos anos está máis relacionada coa dirección: «Interésame a dirección de actores e tamén estou no teatro, agora co grupo Chévere e a súa obra Curva España», indica.

Este ano vén de recibir ademais dúas subvencións da Agadic, unha para escribir a súa primeira película, As defensas, e outra para unha curta, O neno sardiña, que producirá Cósmica Producións. Interésalle as ficcións e as que ten feito ata o momento non están ligadas á comedia, senón ao drama: «Esta, en cambio, é unha comedia á que chego con Miguel Canalejo, guionista da webserie e ademais intérprete de Xan».

-Tócalle a estrea nun ano ben particular para o festival CIP.

-Si. Ademais, Xan foi última cousa que rodei, xusto antes do estado de alarma. Pero estrear xa está ben, temos ganas.

Rodaje de  Xan
Rodaje de Xan LUCIA R. REGUEIRO

-Como chegan a Xan?

-Pensamos [ela e Canalejo] en mandar algo ao Carballo Interplay, porque había ese premio ao proxecto. Xan naceu por un interese noso en explorar o humor e ver onde están os límites. A partir del exploramos temas sociais que nos preocupan: machismo, xenofobia, racismo... Todo dende un punto de vista persoal, pero a través dun equipo e dun reparto enorme, porque son corenta e pico os actores e actrices que traballaron con nós. A primeira tempada son 6 capítulos: o 18 estrearemos tres e os outros tres seguramente en febreiro. Son independentes, duns 6 ou 7 minutos.

-Un equipo no que hai nomes ben recoñecidos, por certo.

-Resultou algo moi bonito, partindo desas ganas de contar por parte de xente nova. Cando presentamos o proxecto no festival buscabamos precisamente ese equilibrio entre xente que leva anos traballando e outra que está comezando: non é que pensaramos en caras coñecidas, senón que cada actor e actriz está aí porque nos gusta o seu traballo. Ao final quedou algo como moi familiar.

Rodaje de  Xan
Rodaje de Xan Leticia T. Blanco

-Xa falou de humor, e de temas sociais, pero que diría que se pode ver nesta webserie?

-En Xan exploramos arredor de personaxes que buscan ser escoitados, que teñen esa necesidade de que se lles escoite, pero non saben como facelo. Aí é onde entran temas como a tolerancia, a moral e os límites do humor, cuestións que dan título aos tres primeiros capítulos. A nós gústanos pensar que Xan non é o protagonista, senón o concepto. Xan é un personaxe que non fala e que se atopa diante de situacións que o deixan sen palabras: queda sen voz ao observalas. É unha especie de declaración de intencións.

-Como valoran o CIP?

-É un festival necesario. Os contidos dixitais en Galicia existen, e o audiovisual para nós é moito máis que as salas de cine. Hai moitas formas de contar e Carballo tenlle as portas abertas aos novos creadores, a recibir propostas moi variadas e a premialas. Iso é un gusto: grazas ao premio puidemos facer isto. Para nós agora xa é unha casa.