Patricia Fariña: «Os profesores de baile non somos monitores, somos adestradores»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Mesmo para bailar pegados, como deporte de contacto, hai que estar federados. Explíao esta veterana docente, con moitos miles de alumnos ás súas costas

12 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Patricia Fariña Formigo é de Santiago, onde naceu hai 52 anos (en pleno centro histórico, na Acibechería, ao lado da catedral) e onde vive. Pero leva practicamente trinta anos relacionada con Bergantiños, fundamentalmente Carballo e Cabana, dando clases de baile. Ela é entrenadora profesional de bailes caribeños, formada en Barcelona, e cun amplo currículo de éxito con medallas de bronce, prata e ouro da Federación Española de Baile. E, sobre todo, con máis de 10.000 alumnos que xa pasaron polas súas mans só na zona de Carballo, tanto a través de entidades (mañá retomará as clases en Berdillo), como colexios ou, moito, en salas como Al Lío, que acaba de pechar, e que antes foi a mítica Macías, Charada ou Princesa.

Do club CBD Azúcar & Swing, nestes tempos tan complicados tamén para o seu sector (mesmo máis ca outros), reivindica a profesionalidade e a seguridade do seu traballo, no que hai normas moi estritas, e alerta contra o intrusismo e todos os riscos que iso conleva.

-O baile que é?

-O baile é un deporte. Os profesores de baile non somos monitores, somos adestradores. Pertencemos á Federación Española de Baile Deportivo, estamos baixo as directrices ministeriais de Deportes. E iso implica moitas cousas. Nas clases nas que hai contacto, o alumno tamén ten que estar federado.

-E os profesores.

-Claro! O profesor titulado e federado. Que pertence a un club deportivo, inscrito na Federación, e que solicita as fichas federativas. Coma no fútbol, o balonmán... O normal. O que dá clase sen federarse non é profesional, non cumpre a lei. Moita xente aínda pensa que calquera pode ser profesor de baile, e non é así. Isto ten que servir para poñer en valor a profesionalidade, só bailar non te acredita.

-Coma no resto de deportes, hai evolución de niveis?

-Si, son os graos de evolución deportiva, e se os vas pasando co tempo podes ser instrutor elemental, instrutor, adestrador... Para impartir docencia hai que estar titulado, cun título que che expide a Federación Española.

-E iso como se controla?

-Iso é o malo, que non se controla. Depende sobre todo da inquietude do usuario, de que saiba que hai unha profesionalización. O que se ensina non é só bailar, está dirixida á formación. Non se trata só de mover a cadeira ou poñer o pé diante. Hai que evitar que se produzan dores, malas posicións. Adaptarse a cada bailarín, dende como mover as pernas a como poñer as mans.

-Hai protocolo de actuación?

-Si, hai diversas normas que cumprir, de porcentaxes de ocupacións en salas, de ter un máximo de participantes, de distancias entre eles... Todo iso hai que sabelo. Para bailar, una parella ten que estar federada.

-O covid tivo que afectarlles moito.

-Moitísimo, ata ternos absolutamente parados. Pouco a pouco xa podemos ir dando clases.

-Pero se para bailar así hai que federarse, é complicado facelo?

-Nada, o profesor xa se encarga, toma os datos e federa. A cota é de 28 euros ao ano. Pero, precisamente pola pandemia, a Federación está eximindo de momento de pagar esa cantidade. O club si que ten que ter un seguro deportivo, e iso é o que se lle cobra a cada bailarín.

-Vostede ten alumnos cos que leva máis de 20 anos. Aínda se lles pode ensinar algo tras tanto tempo?

-Por suposto que se pode, porque isto é unha formación constante. Sempre se aprenden cousas. Algúns que empezaron con bailes de salón foron cambiando, adentrándose noutras especialidade, con moitos incentivos para mellorar.

-E non hai que ter unhas certas cualidades físicas para o baile?

-O que hai que ter é ganas de aprender e contar ata oito, porque de aí non se pasa. Iso é o básico. Sobre todo, as ganas, son esenciais. Tiven moitos alumnos que aparentemente non tiñan moita cualidades físicas, pero con tanta vontade, que acababan sendo excelente. E con talento. O mundo é dos que se esforzan. E, sobre todo, o baile é para todos. E ademais, moi importante. Hai países non que se ensina como asignatura, e tamén os hai con máis licencias que as de fútbol-