Intrépidas andanzas sobre dúas rodas

manuel soutullo couto

CARBALLO MUNICIPIO

CEDIDA

APUNTES HISTÓRICOS | Roberto Pintos Mourelle foi atropelado na mesma recta ca seu avó Marcelino

07 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cen anos mal contados separan o lanzamento do moderno artiluxio a propulsión humana mediante tracción traseira por cadea (a bicicleta de seguridade Rover creada por J. K. Starley), da lembranza aquí evocada.

Para un neno inquedo, de inesgotable enerxía, que exploraba axiña cada recuncho do lugar natal, a necesidade de ver transcorrer a vida a outra marcha era imparable. As primeiras pedaladas sobre dúas rodas fascinan pouco menos que os primeiros pasos sobre dúas pernas. Sentir o dominio da máquina como extensión do corpo e a liberdade de desprazarse cortando o poderoso vento, facían da bicicleta o vehículo idóneo para este cativo da aldea; o enredo máis caro a que aspirar. A responsabilidade dun pai arredaba a Antón, sabedor da audacia do pequeno e das ameazas do km 40 da Comarcal 552, mais a incesante insistencia e a presión social puideron máis. O esforzo escolar non o desmerecía, así que houbo que asumir o risco.

Unha GAC Mobylette do trinque, fabricada por Gárate Anitua y Cia (de aí as siglas), mercada por doce mil pesetas na de Vitolo de Carballo, foi a primeira. A mesma que tiñan os tíos da Ribela, Manolo e Moncho. Roda do 20, sillín de muelles, luz de dinamo, pata de cabra, bombín, timbre e portabultos de resorte, conformaban a equipación de serie. A cesta metálica dianteira foi o complemento indispensable para facer rapidamente os recados, ampliando a autonomía ata San Roque, que significaba aventurarse na perigosa estrada. Pero poucas adversidades impedían saír.

Ter bici e predispoñerse a ‘Déixasme dar unha volta?’ provocou de contado un efecto socializador. Carlos presumía da exclusiva Crosseta, distinguida polo orixinal sillín de respaldo. Seu irmán Pepe (José Baña García), quen inmortalizou a instantánea que acompaña este texto en Verdes, logrou soldar dous cadros formando un tándem, que fomos probando en parellas. José Antonio, que colaboraba de campaneiro e sacristán en Sampaio, agradecía unha compaña correspondida. O primo José fíxose coa inconfundible BH Gacela, tamén vasca (Beistegui Hermanos), de triple barra baixa, roda de 700 e cambio de tres velocidades; unha dimensión de rodaxe sen precedentes. Manuel da Esfarrapa, Roberto de Gesto, José Manuel do Piñeiro... uns antes, outros despois, fóronlle dando ó pedal. Querendo emular ó de Verano Azul, o equipo ciclista comezou a trazar roteiros ambiciosos que desafiaban as fronteiras de Coristanco: subir a Santa Comba, ó sur, ou dirixirse á capital bergantiñá, ó norte. Unha afección sobre todo masculina, quizais porque elas nos daban mil voltas en prudencia.

Andando o tempo, seu tío regaloulle unha valiosa Orbea de varillas esquecida nun pallote, de dimensións e peso tan excepcionais que proporcionaban sobrada estabilidade na condución. Un exemplar todoterreo dos que a mediados do XX foron preciada ferramenta de transporte para acurtar distancias, ademais de marcar estatus. Tras unha restauración integral con medio quilo de pintura da ferretería de Dolfina e a instalación de luz longa ou curta con un conmutador BJC, quedou lista para rodar. A falta de redutora obrigaba a subir a folgos costas empinadas, pero temas musicais de moda como o Bolero de Fancy reproducidos nun walkman Thomson que lle trouxera a tía de Suíza, aportaban combustible emocional suficiente para superalas.

A adolescencia pillou ó rapaz con máis ganas que cartos, pero puido chegarlle a unha de carreiras de equipamento simplista, das de importación, traída de Alcampo Coruña. Con cambio múltiple e roda extradelgada, para minimizar o roce do vento e do asfalto. O estreito sillín e revirado manillar esixían unha incómoda postura física, pero levábanse. A nova máquina permitiu ampliar decisivamente o radio de acción alén do Anllóns e compartir actividade con Juan, que ostentaba o mérito de ir diariamente de Xoane ó Alfredo Brañas, ida e volta, contra inclemencias meteorolóxicas. Chegar a Razo ou subir a Agualada ou Monte Neme supoñían duros retos para un, pero deporte habitual para o outro.

O momento fatídico

Mais toda cara ten a súa cruz. Era a apaña da pataca do 87 cando Roberto Pintos Mourelle, que volvía da leira en bici, foi golpeado por un Talbot Horizón na temida recta do Mutilado. Os laios da sufrida nai enmudeceron o fatídico solpor cando un médico anónimo baixou do autobús da Finisterre, se achegou ó corpo postrado no tapador do remolque e negou coa cabeza... Puidera ser calquera de nós. A comarcal impuxo novamente as implacables condicións, tal como acontecera co seu avó Marcelino Pintos Ferreira pola sega do trigo do 77. Con só once anos Roberto foise para sempre, Centiña quedou de rigoroso loito e, anos despois, o condutor puxo fin ós seus días con demasiada premura.

As experiencias da infancia redobran valor cando o tempo marca distancias. Quen teclea estas letras puido recentemente sentir nas súas mans unha GAC idéntica á primeira, espertando aquel neno que aínda pedalea lixeiro dentro de si. Curiosidades da vida, foi un leonés, usuario de Wallapop, quen propiciou, corenta anos despois, rememorar con especial agarimo compañeiros de aventuras de aquel tempo: os que están e os que non... Na memoria de Pepe, falecido o 3 de setembro do 2014 por morte natural; Roberto, falecido o 28 de setembro do ano 1987, e Marcelino, falecido en agosto do 1977.