Carballo propón «asombrarse» coa lectura

O departamento de Cultura propón unha campaña en apoio ás librarías, posto que este ano non haberá Praza dos Libros


Carballo / La Voz

Do 1 ao 15 de agosto • O contexto sanitario actual impide a celebración dunha cita de verán máis que asentada en Carballo, a Praza dos Libros. Non obstante, dende o departamento de Cultura municipal quixeron igualmente ter presente e seguir apostando pola promoción da lectura e das librarías, toda vez que entenden que está a ser un dos sectores que padece os efectos colaterais do coronavirus. Así, en colaboración cos cinco establecementos carballeses que ano tras año viñan participando na Praza dos Libros, impulsa o Concello unha campaña que deron en chamar «Asómbrate coa lectura»: do 1 ao 15 de agosto.

«Asómbrate coa lectura e faino en todos os sentidos da palabra. Porque poucas cousas hai que poidan causar máis admiración ou sorpresa que un libro, e porque nestes días de calor poucas cousas se agradecen máis que unha boa sombra para mergullarse entre as páxinas dunha boa historia literaria», convidan dende o consistorio. Para animar a que así sexa, aqueles que se acheguen a mercar algunha obra nas librarías Brañas Verdes, Ler, Punto e Coma, Teldy e Trasgo terán un 5 % de desconto en todas elas (agás nos libros de texto).

Tarxetas-rasca

Ademais, por cada 15 euros de compra, recibirase unha tarxeta-rasca que, á marxe de poder empregala como marcapáxinas, tamén dará opción a conseguir outros vales-desconto de 15 euros para seguir mercando literatura no mesmo establecemento.

Non haberá pois, casetas no xardín municipal, nin pregón, nin un sinfín de actividades paralelas sobre todo para os máis pequenos, pero a animación á lectura segue estando presente este verán en Carballo. Quedan quince días para perseguir historias e máis tamén sorte.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Carballo propón «asombrarse» coa lectura