Fabián Lage: «Vin a necesidade de facerlle unha homenaxe ás vítimas do coronavirus»

No exterior do Fórum poderase ver hoxe «Mágoa», escultura deste carballés da Milagrosa: o acto está previsto para as 13.30 horas. Descubrirá a obra o alcalde, Evencio Ferrero. Por encargo do Concello, a peza vai ser unha homenaxe de Carballo aos falecidos por covid


CARBALLO / LA VOZ

No exterior do edificio do Fórum carballés, a uns 200 metros de onde el naceu, naquel campo da feira no que xogaba sendo un neno, Fabián Lage Barca (39 anos) verá descuberta hoxe, ás 13.30 horas, unha escultura da súa autoría, Mágoa. Será o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quen levante o pano para deixar ver a obra por vez primeira. Encargada polo Concello, con ela Carballo quere render homenaxe ás víctimas do covid-19, unha idea que tamén veu clara o propio creador. Lage é nacido no barrio da Milagrosa, «a moita honra», como el di. Hoxe en día reside e ten o seu taller no lugar de Samiro: «A miña é a primeira casa polo lado da Laracha, o número 1, pero en realidade estamos en Berdillo», matiza. A vivenda contigua á súa xa pertence a Carballo, concreta. Cousas dos límites, que nalgún lado teñen que estar.

-Toca oficios diferentes, artesáns en todo caso. Como empezou?

-O meu oficio xa é un pouco artesán: son carpinteiro ebanista. Cos anos funme especializando en restauración, o cal me levou a tocar o ferro, o cristal ou a pedra, porque este traballo en si mesmo non che deixa subcontratar. Iso obrigoume en certa maneira a aprender a traballar todas estas artes. Xa a carpintería de base, de feito, é bastante completa. Levo nisto dende os 16 anos.

-Tiña ascendencia carpinteira?

-A miña paixón pola carpintería ten un transfondo familiar. Meu avó sempre foi moi mañoso: acórdoo sendo eu neno traballando no pallote. Para entreterme o que facía era darme unha caixa de puntas, un martelo e unha táboa [ri]: o oficio lévoo arraigado.

-«Mágoa», a obra que se inaugura hoxe, será descuberta como homenaxe ás vítimas do covid. Como se xestou esta creación?

-Antes de nada gustaríame incidir no meu agradecemento ao Concello e á xente implicada nestes actos: sen eles non sería posible. O meu proxecto empezou cando caeu o ciprés centenario que estaba na Praza. A miña idea foi aproveitalo. A primeira parte dese aproveitamento foi Alén, a composición de figura e bancos [situada na Praza do Hospital carballesa]. Logo, sobráranme un par de polóns da árbore e sobre todo unha parte moi interesante da raíz, que é a que dá a figura significativa desta obra. As partes da raíz son as máis interesantes para traballar, as que sacan máis matices, máis cor... a veta é máis especial. A obra en si mesma xa ía orientada cara unha reflexión: como ser humano, somos un cancro para o mundo, arrasamos con todo. A pandemia pilloume facendo esta escultura, e o paso seguinte, obvio, foi orientalo cara o covid. Penso en toda esa xente que morreu nos hospitais, sen o agarimo dos seus seres queridos. O confinamento foi duro para todos e eu vin a obriga e a necesidade de facerlle unha homenaxe a todas esas persoas. Foi un momento crucial, un punto de inflexión para a figura, na que incorporei entón un elemento esencial... Non o vou contar [pensa]. Para descubrilo haberá que esperar a mañá, ás imaxes [por hoxe]. Polo tanto, os últimos acontecementos ligados ao covid o que fixeron foi reafirmar o meu punto de vista desta obra.

-É un traballo de canto?

-O meu non é un estilo de escultura clásica. Teño un estilo peculiar. Normalmente o que fago son composicións, ir máis alá dunha figura. No caso de Alén, foi a figura e máis un parque enteiro. E no de Mágoa son varias pezas colocadas sobre unha base. A parte principal foi feita integramente durante o confinamento: veume ben para rematala con tranquilidade. Foron uns tres meses de execución.

-Quen lle diría a aquel neno que xogaba no campo da feira da Milagrosa que un día instalaría alí unha escultura súa?

-É un orgullo ser do barrio da Milagrosa e, ao final, acabar tendo alí unha escultura. Non podo expresar o que significa para min. Os que me coñecen de cativo saben das miñas inquedanzas. O artista que sempre levei dentro amoseino en varias ocasións, en cachelas de San Xoán, en concursos de Entroido... Agora é cando me sinto agraciado: que se me brinde esta oportunidade é único.

-Ademais de Alén, está a píllara xigante de Baldaio ou o arroaz que se instalará este ano recuberto de fíos de plástico grazas a unha máquina que deseñou vostede... Vai tendo pegada en Carballo.

-Si, pero quero facer fincapé en que se ben Alén e Mágoa son obras paridas por min integramente, a píllara e o golfiño non só son cousa miña. Podo ser o creador orixinal da obra ou ter parte no desenvolvemento, pero nelas traballou moita xente, é algo colectivo. Máis ca esculturas, diría tamén que píllara e golfiño son figuras de carácter reivindicativo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Fabián Lage: «Vin a necesidade de facerlle unha homenaxe ás vítimas do coronavirus»