«Afronto esta etapa con ilusión, pero sobre todo con moita responsabilidade»

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

O carballés Daniel Pérez será o primeiro deputado nacionalista por Bergantiños

14 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O avogado laboralista Daniel Pérez será unha das novas caras no Parlamento. Nacido en Silván (Coristanco) no 1977, aínda que coa súa vida e raíces ligadas a Carballo, estrearase como deputado polo BNG. Amósase satisfeito polos resultados do seu partido, tanto a nivel comarcal como a nivel galego, quedando como primeiro partido da oposición e pasando de 6 a 19 representantes, «nada menos». Cre que o que se fixo foi «asentar e visibilizar o traballo de moitos anos», aínda que non nega un sabor «agridoce» logo das eleccións deste domingo porque o obxectivo era cambiar o goberno e formar un «progresista». Malia todo, pesa máis o positivo do ascenso acadado. Fala de «compromiso»: tívoo primeiro co partido, logo como edil de Carballo que foi e agora como deputado que será.

-Cambiaralle a vida o ser deputado?

-A vida penso que non, e o compromiso sempre estivo aí. A verdade é que afronto esta etapa con moita ilusión, pero sobre todo con moita responsabilidade.

-Moitos o teñen felicitado, porque será o primeiro deputado nacionalista por Bergantiños, algo histórico. Están moitas miradas postas en vostede.

-Realmente non o sinto tanto desa maneira. Si é un obxectivo acadado, en parte, pero acadado co traballo de moitísima xente, un traballo de máis de trinta anos. Xente honesta e traballadora, xente con amor polo país, que foi na que eu me mirei.

-Diga dúas cuestións que lle gustaría levar ao Parlamento, necesidades vitais da comarca.

-Dixen sempre, xa na campaña, que seremos canalizadores das necesidades da comarca que nos trasladen. Somos de escoitar, de atender á xente, vivimos a pé de rúa, sabemos cal é a realidade. Se falo de Carballo, diría que é fundamental a circunvalación, non só para darlle pulo ao sector empresarial senón tamén para eliminar tráfico pesado do pobo. En canto a Bergantiños, é moi importante tamén a saída sur do peirao de Malpica. Menciono estes dous exemplos, pero podería dicir moitos máis, porque necesidades hai moitas, froito de anos de esquecemento da Costa da Morte por parte da Xunta.