En primeira persona, por Álex Ávila: Madrid positivo

álex ávila

CARBALLO MUNICIPIO

CESAR QUIAN

«A defensa do propio non debería implicar o ataque ao alleo», di o doutor carballés

28 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aló polo ano 2011 cheguei por segunda vez ao Hospital La Paz de Madrid, desta volta cun contrato de longa duración para traballar na Unidade de Coidados Intensivos Neonatais. No mesmo acto da firma do meu contrato, o daquela xefe de Servizo de Neonatoloxía, moi dado a cumprir cas normas protocolariamente establecidas, quixo presentarme persoalmente ao máximo responsable do hospital materno-infantil. Entrei naquel despacho algo nervioso e en certa medida abrumado pola situación, mais fronte a min atopei un home de pelo cano, ollos rasgados e expresión tremendamente amable. Enriba da súa mesa tiña o meu currículum vitae e tras darlle unha primeira e superficial ollada, mirou cara min e espetou, literalmente, «de Carballo! Terra de boas patacas!».

O doutor Cobas era un dos moitos galegos que vivía en Madrid porque alí desenrolara a súa vida profesional. La Paz era, e é, un hospital ateigado de galegos. E isto non é una excepción en Madrid. Os galegos historicamente aportamos moito á capital de España, pero tamén é xusto dicir que Madrid sempre nos acolleu cos brazos abertos e que a moitos de nós foi quen de ofrecernos oportunidades laborais inmellorables en momentos nos que as precisabamos. Esta especie de simbiose galaico-madrileña (win-win que dicimos os modernos) non é algo novo. Xa a comezos do século XX, persoeiros que sentarían as bases do galeguismo político tiveron Madrid como residencia temporal. Por exemplo, Castelao viviu en Madrid ca intención de doutorarse tras rematar a carreira de Medicina en Santiago, e tamén Villar Ponte exerceu alí como periodista antes de ser elexido deputado. E todo hai que dicilo, algo terá de boa esta relación que non adoita irnos mal aos galegos pola capital. Sen entrar no ámbito empresarial ou cultural, nomes como Casares Quiroga, Portela Valladares, Calvo Sotelo, Manuel Fraga ou Mariano Rajoy, son exemplos de traxectorias políticas destacadas de galegos en Madrid.

Houbo incluso quen dixo que os acontecementos que derivaron no golpe de estado do 36, tendo a Casares Quiroga como presidente do Goberno, a Calvo Sotelo como líder da oposición e a Francisco Franco como posterior líder dos sublevados, foi «un asunto entre galegos». Hoxe, apelidos como Calviño, Prego, Fortes, Vázquez ou Rivas recórdannos que a presenza de galegos en Madrid segue a ser moi relevante.

En múltiples conversas ao longo dos anos, nas miñas redes sociais, e mesmo neste medio, fun quen de defender con vehemencia o sentimento de pertenza a un lugar. Con aquel Carballo positivo do ano 2015 que alcanzou un éxito que aínda hoxe me abraia, non facía mais que romper unha lanza en prol da defensa das raíces.

Galeguidade e españolidade

Ca mesma intensidade, bueno quizais non ca mesma pero si con certa intensidade, tampouco dubido en defender a miña galeguidade ou a miña españolidade cando o teño que facer. Sen embargo, na miña opinión, a identidade, a defensa do propio, do que un é ou do que foron os seus antergos, debería ser máis un exercicio de responsabilidade persoal que unha arma ideolóxica coa que atacar. A defensa do propio non debería implicar o ataque ao alleo e un sentimento tan bonito como o amor ao teu non debería perverterse para xerar odio.

Os “madrileños”

Co gallo da crise do coronavirus tiven a oportunidade de comprobar como xurdía, amparado nunha suposta defensa do propio fronte o alleo, e asistido pola difusión incontrolada e ás veces anónima das redes sociais, un movemento de rexeitamento aos «madrileños». Lin publicacións e artigos de opinión nos que se caía en descalificacións, prexuízos e estereotipos socioculturais argumentados unicamente polo lugar de residencia das persoas. E foi nese momento cando lembrei aquel doutor Cobas que me recibiu tan agarimosamente no Hospital La Paz, do mesmo xeito que pensei que a vida tamén me puido levar a min a ser un galego en Madrid durante moito máis tempo que aqueles dous anos. Pensei en Castelao e Villar Ponte vivindo a principios de século en Madrid. Pensei no meu irmán Ficos, galego exercente adoptado por Madrid, como el mesmo se define no seu perfil de Twitter. Lembrei a amigos meus en Madrid tendo dúbidas da acollida que lles dará este verán a que tamén é súa terra. Lembrei a moitos outros apelidos galegos en Madrid. Pensei en tantos madrileños que exercen de galegos polo mundo, como o meu amigo Sancho, que tras ese alcume tan castizo agocha ao madrileño máis galeguista que un poida imaxinar. E finalmente pensei que, se tras recibir a cordial invitación deste xornal a escribir en primeira persoa, tocaba defender aos Madrid positivo sendo coherente comigo mesmo así o tiña que facer.

Non deixemos oco á mezquindade dos ruíns porque en España, non o esquezamos, aínda hai moitos máis «bos e xenerosos» que «iñorantes, féridos e duros».

Uns apuntes biográficos

Alejando Ávila Álvarez, Álex Ávila. Nacido en Carballo no 1981, forma parte do equipo da Unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitario Universitario de A Coruña (Chuac). A finais do 2019 foi distinguido pola Asociación Galega de Prematuros (Agaprem), e con el toda a Unidade de Neonatoloxía do Teresa Herrera. Levou o Patuco de Honor.