A Mesa felicita aos axentes carballeses por Xespol, que permite tramitar en galego

Vén de recoñecer o valor da plataforma, creada por Kathy Pena e Manuel Fuentes


carballo / la voz

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de recoñecer o valor da plataforma XesPol, creada por Kathy Pena e Manuel Fuentes, policías locais en Carballo, en tanto que dá a posibilidade de centralizar en galego trámites administrativos, penais e de tránsito, á vez que simplifica os procedementos que os axentes teñen que realizar nos expedientes. A aplicación foi cedida gratuitamente, ademais, aos concellos galegos. Segundo dá conta A Mesa, dende a entidade dirixíronse ao alcalde carballés, Evencio Ferrero, para transmitirlle os parabéns a estes dous axentes, á vez que o instan a incorporar esta ferramenta no Concello. «Cómpre recoñecer o traballo realizado polos policías carballeses que fixeron co seu esforzo persoal o que aos poderes públicos non lles interesou en case corenta anos», afirma Marcos Maceira, presidente da Mesa: «Que a Policía Local poida contar con ferramentas que tamén lles permitan cumprir a lei e garantir a presenza do galego», engade.

«O concello de Carballo pode estar orgulloso de contar con estes axentes», conclúe, «mais sen dúbida o mellor recoñecemento público ao seu labor debe ser incorporar o aplicativo á súa xestión e garantir a presenza da lingua galega».

A Mesa pola Normalización é unha entidade social independente, constituída no 1986 e dela que forman parte arredor de 5.000 socios, segundo cifraban no seu comunicado emitido onte. A entidade ten como obxectivo a normalidade plena da lingua galega. Neste sentido, a defensa do dereito ao emprego do galego en Galicia en todas as situacións e contextos é unha das súas principais liñas de actuación, manifestan nesa mesma nota de parabéns aos axentes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A Mesa felicita aos axentes carballeses por Xespol, que permite tramitar en galego