«A Fina de Carballo é unha pataca que, o que a proba, volve»

Manuel Quintela falou en Radio Voz sobre o novo escenario aberto pola Unión Europea en canto á IXP Pataca de Galicia

p. b. m.
carballo / La voz

O programa Voces do Agro, de Radio Voz, conducido por Luís García, analizou un novo escenario para o agro, en tanto que o Diario Oficial da Unión Europea vén de publicar a modificación do prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia. Que cambia? Dun lado, que se pode producir Pataca de Galicia en todo o territorio galego, e non só nas catro subzonas que se especificaban antes; e, doutro, que se amplían as variedades. Ata agora era a Kennebec, e agora entrarían tamén a agria e a Fina de Carballo. Novo escenario, novos retos e novas oportunidades das que falou Manuel Quintela, produtor de pataca e representante da IXP en terras de Bergantiños.

-Cal é a situación na zona?

-En Bergantiños a pataca que se vende é a Kennebec, aínda que a nivel Galicia si que se traballa moito a agria. O día que aquí cambie a demanda do mercado, tamén cambiará a produción. A agria ten un rendemento quilos, falamos de 60.000-70.000 quilos por hectárea: é unha pataca amarela, algo máis doce, outra variedade. Coa Kennebec achégaste como moito aos 30.000. A Kennebec págase máis, e a xente aquí prefírea.

-No caso da Fina de Carballo hai o problema de que non hai moita semente certificada a disposición.

-Hai pouca, pero hoxe en día aparecen as cousas no mercado segundo haxa demanda. A Fina de Carballo é unha pataca cunhas calidades culinarias moi altas que, o que a proba, volve, pero non é para todo o mundo, xa polo prezo. É para un mercado máis ben sibarita, máis reducido, de aí que non haxa tanta xente que se dedique a plantar esta variedade.

-Como se presenta a campaña? Entre a nova disposición da Unión Europea, o parón do coronavirus, a prohibición de usar determinados herbicidas e produtos antixerminación?

-O que máis nos inqueda é o momento da recollida, o final da pataca. Hoxe Europa está indo cara unha tendencia cada vez máis ecolóxica, e hai produtos que se viñan usando nese momento. Máis aló diso, en canto ao coronavirus, o que nos preocupa é tamén ese momento de recolleita, aló para setembro ou outubro, por ver como está toda esta situación, e a ver se hai xente para recoller a pataca a man, porque esa é unha das nosas peculiaridades, que se fai así.

-É o momento de reivindicar unha marca de calidade para a pataca de Coristanco? Ten moita aceptación no mercado, pero non un aval de formalización.

-Si, o que habería que facer é unha subdenominación dentro da IXP: é unha cuestión na que se está traballando, eu mesmo tamén.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A Fina de Carballo é unha pataca que, o que a proba, volve»