«O covid-19 vai marcar, sen dúbida, gran parte do que resta de mandato»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

UN AÑO DE CORPORACIONES | CARBALLO | ENTREVISTA A EVENCIO FERRERO, ALCALDE, Y A LOS PORTAVOCES DE LA OPOSICIÓN | «Aínda non temos comunicación oficial de que podemos empregar parte dos 12 millóns de euros de remanente», dice el regidor

25 may 2020 . Actualizado a las 21:50 h.

Evencio Ferrero Rodríguez é un dos políticos máis veteranos da Costa da Morte. Concelleiro dende 1979, é alcalde de Carballo dende o 2003. Aos seus 64 anos e sendo este o primeiro ano do presente mandato, fai balance do bo e do menos bo, nun contexto social e económico marcado polo coronavirus.

-Xa está para xubilarse.

-A xubilación podería tela dende que cumprín os 60 pola antigüidade acadada no meu traballo, pero solicitei a prórroga.

-¿Vai ser este o seu último mandato ou seguirá dando guerra?

-Cando remate este mandato terei 67 anos e cada vez o corpo ten máis anos [ri], pero non é unha cuestión que nos plantexemos agora. Será unha reflexión que faremos no seu momento no grupo municipal e na asemblea local do BNG. Pero se fose agora, si que seguiría.

-Este ano de mandato está marcado sen dúbida polo covid-19.

-O covid-19 vai condicionar gran parte deste mandato, non creo que todo, pero si os primeiros dous-tres anos. Será unha etapa na que as Administracións teremos que adaptarnos a esta nova realidade en canto a prioridades.

-Cales son esas prioridades?

-Dende logo as sociais, as sanitarias e as educativas. Como Administración debemos garantir de cara a o futuro unha estrutura social e económica en Carballo. Temos que prestar axuda a pequenos empresarios, hostaleiros, o turismo e os comerciantes.

-Comprometeuse a facer un plan de axudas de como mínimo un millón de euros, pero condicionado a que o fagan público o resto de Administracións.

-Creo que é unha situación un tanto anómala. Debería ser unha decisión de país que o rescate económico sexa unha absoluta prioridade e facer esa transición cara esa nova realidade económica. Hai que seguir apostando por axudar ao empresario e non falo só de axudas económicas, senón do desenvolvemento da actividade nas mellores condicións posibles. Falo de manter os compromisos da ampliación do polígono de Bértoa e da construción da circunvalación de Carballo.

-Con máis de 12 millóns de remanente aínda non comunicaron dende o Goberno se poden empregar unha parte para axudas?

-Aínda non. Non hai ningunha comunicación oficial acerca de esta posibilidade. E a medida que transcorren as semanas, un percibe como que é algo que tiña que estar establecido xa de antemán, para dispoñer de recursos e poder reverter ese remanente nos veciños de Carballo.

-Se Carballo é coñecido e polos seus clubs e deportistas individuais. Coa crise van restrinxir as axudas ao deporte?

-As que tiñamos, manterémolas, porque entendemos que é un sector bastante profesionalizado. Nas conversas que mantemos cos responsables das diferentes entidades, hai algunha que ten 12 traballadores, xa non falamos dun número pequeno. Hai un elevado censo de fichas federativas. Só o Bergantiños e as Escolas Luís Calvo teñen máis de cincocentas licencias. Isto dá unha idea da dimensión que ten o deporte en Carballo e deberiamos procurar que non se debilite. Temos claro que non haberá moitos torneos, como o de fútbol alevín ou o Pequebasket, pero trataremos de que estes recursos revertan no deporte porque hai un emprego directo que está aí, pendente de que as Administracións colaboren.

«Foi moi duro non poder ver á familia ou apoiar a un amigo que perdeu a un ser querido»

O rexedor de Carballo tamén falou de como está a vivir as secuelas provocadas pola pandemia.

-Cal foi o seu peor momento?

-O non poder ver á familia. Incluso houbo circunstancias familiares moi lutuosas... E esas cousas son moi complicadas de vivir. E duro ver como amigos ou familiares enterran a un ser querido e non os podes acompañar nin abrazar. Iso é moi duro. Pero había, e hai, que cumprir co que se ditamina e non queda outra que cumprir coas directrices que se marcaban, e se marcan, dende as autoridades sanitarias.

-Parece de despois da xestión sanitaria queda aínda moita travesía polo deserto.

-Despois de moito cumprimento, de moita distancia social e de moita responsabilidade e, oxalá me equivoque, pero detrás desta situación virá a xestión económica por parte de moitos autónomos, pequenos empresarios, o pequeno comercio, moita hostalería... Que entre todos teremos que tratar de salvar e botar unha man alí onde faga falla. A min o que me gustaría é que Carballo sega a ser un exemplo tanto no eido social, económico, cultural como deportivo, e por que non, tamén a nivel institucional.

«Hai obras que se van resentir e eventos que o van padecer»

Evencio Ferrero falou tamén en crave de futuro, sobre todo do que resta dun ano complicado.

-Como planifica o goberno local o que resta de 2020 tendo en conta a incerteza da situación, na que todo cambia case en apenas un día, e sobre todo pensando xa no 2021?

-Se hai eses rebrotes [nos positivos por covid-19] que auguran e prognostican os expertos, esperemos que non sexan tan prologados como o actual, pero está claro que vai condicionar. Hai obras que se van resentir e eventos que tamén o van padecer.

-Póñame algúns exemplos.

-Pois estou a falar do FIOT, un evento emblemático que é un referente non só no teatro en Galicia, senón que vai moito máis alá. Agora mesmo hai dúbidas de que se poida celebrar en circunstancias normais, xa que falamos do mes de outubro. Oxalá que si, porque ese sería un gran indicador sanitario, pero a programación xa non sería a mesma. Ademais, agora teriamos que ter pechadas moitas actividades do verán cultural que posiblemente, ou máis ben seguramente, non se poidan celebrar. Toda vez que é moi probable que non se poidan convocar espectáculos de máis de 1.500-2.000 espectadores, como o Festifolk e outras iniciativas que se facían durante a época estival.

-Tamén afecta o coronavirus ás probas deportivas.

-Houbo que suspendelas tamén, como as de atletismo, ciclismo... Claro, todo isto deriva nun Carballo distinto, porque Carballo non se entende sen a súa referencia cultural, deportiva... E todo isto do covid-19 afecta á imaxe de Carballo. Isto todo, independentemente de que haberá obras que van deixar de ser prioritarias e haberá que deixalas para máis adiante, como a ampliación do cemiterio parroquial.

-Sería posible facer unha análise do Carballo do 2022 e 2023?

-Creo que é imposible e eu non me atrevo a facelo. Unicamente atrévome a trasladar as indicacións que transmiten as autoridades sanitarias en cada momento. A longo prazo é inviable facer unha análise tanto económica, social como de investimento dado que o escenario é moi volátil e pode cambiar en calquera momento.

Algo positivo

«Unha das cuestións que conseguimos dende principios do mes de xullo foi concorrer ás liñas de axuda do IDAE para ampliar a mobilidade en Carballo con máis sendas peonís e carrís bicis e amplialas en 18 novos quilómetros. Vendo o uso que se lles está a dar creo que será unha gran iniciativa. Xa temos concedida a totalidade do plan Ciclando Carballo [2 millóns de subvención europea] e estanse ultimando os proxectos e, en breve, comezará a súa contratación.

Algo negativo

«O plan de traballo ía segundo o previsto no mandato ata que chegou o covid-19, que nos vai levar reformular determinadas partidas. É unha mágoa que no se poida celebrar o San Xoán. Cun investimento de 100.000 euros xeraba un retorno que multiplicaba por moito este investimento. Este retorno xa non se vai dar». En cuanto a proyectos, el alcalde apuntó: «Creo que a ampliación do cemiterio municipal, que se ía executar con fondos municipais por 700.000 euros, seguramente non se poderá acometer neste exercicio 2020».