A Galicia que encanta

CARBALLO MUNICIPIO

Ramón Loureiro

... E a que arrepía está nunha guía de campo de Antonio Reigosa que recupera contos, lendas e fenómenos curiosos como o da Vaca Juanita ou o polbo xigante de Riazor

22 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito conto, lendas, ritos e prodixios grandes agochados no miúdo ten Galicia, tal é o sabor da nosa cultura popular. Un tesouro con vetas extravagantes que achega esta guía con profundidade de campo. Benvidos a lugares singulares onde conflúen lendas urbanas, mitoloxía, pontes, camiños, fontes, virxes, nubeiros, tronantes e casas encantadas... da man do divulgador da nosa cultura Antonio Reigosa.

Ilustrada por Noemí López, esta novidade que vén de lonxe seguindo a pegada dos seres míticos singulares de Galicia ata os lugares que habitan nace da web Galicia Encantada, unha sorte de Enciclopedia da Fantasía Popular galega para poboar as paisaxes en branco que lles dea estes días, se hai sorte, o aburrimento. Esta Guía de campo da Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan celebra o 15.º aniversario desa web que apreixa unha parte da memoria colectiva de Galicia.

Os asustanenos, os cocos, son os que abren esta nova entrega de Reigosa, creador de galiciaencantada.com, e coautor do Diccionario de los seres míticos gallegos.

A garavanceira, o demo asubiador, o sangrón, o tabello e o zampón (ollo, tamén coñecido como Paparrasolla, Papón, Pispota ou Zamparrampa) son algúns dos seres míticos que nos acompañan nesta viaxe para pasmar na letra, para encher os petos da memoria de cousas boas, valiosas no sentido menos custoso. Tamén hai míticas ben (ou mal) coñecidas nesta excursión peregrina que nos conta «a verdadeira historia de María Castaña» («unha posiblemente real, a de Lugo; outra lendaria, mestura da real e da dos contos»), a da foraxida Pepaloba («dos vips decimonónicos»), os conxuros de amor do lagarto de dous rabos ou o divino misterio de plantas como as estrugas, o dentón ou o carballo de Santo Antón, en Carballo.

Hai tamén nesta guía un capítulo para fenómenos como o da Vaca Juanita, «o animal de máis sona que se coñeceu na Terra de Melide (...) tiña sete patas» aínda que moitos sostiñan que eran só seis, ou o do polbo xigante (duns 150 ou 200 quilos) que apareceu o 20 de agosto de 1894 na praia de Riazor.

E sabedes o do galo Quirico que quería ir á voda do tío Perico? Vinde á Galicia encantada!

Na que sempre hai conto, e se hai conto hai festa rachada!