Citas na Rede para gozar das Letras Galegas neste 17 de maio

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

As Festiletras do Couto terán interpretacións cada 15 minutos, durante todo o día

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Varios son os Concellos da Costa da Morte que reservaron para hoxe algunhas citas na Internet de cara a festexar as Letras Galegas, o 17 de maio. Un deles é o de Carballo, que dende as 12.00 horas, nos perfís de Youtube Concello de Carballo e Cultura de Carballo, así como na canle de YouTube municipal, ofrecerá unha hora de festival a base de teatro, música ou humor. A gala dixital será presentada pola regueifeira Lupe Blanco e de aí en adiante irán actuando a Banda Municipal de Gaitas, a compañía de teatro Galeatro (espectáculo Brincando coas Letras), Vagalume Animación (recitado do poema Adiós ríos, adiós fontes, de Rosalía), Banda de Música do Conservatorio e alumnado de clarinete de grao superior deste mesmo centro. Durante o festival tamén s fallará o concurso #desdeacasiñameular.

En Vimianzo no faltarán os contos, pois o Concello optou por Caxoto para ofrecer na Rede unha sesión, ás 12.00 horas.

Interpretacións cada 15 minutos no Facebook das Festiletras

A semana de actos das Festiletras do Couto, en Ponteceso, quedou posposta para setembro, pero hoxe haberá a través das redes sociais do festival, Facebook principalmente, un día enteiro de interpretacións. Lucho Penabade será o encargado de dar o pregón, ás 12.00 horas, e a partir de aí intervirán Davila (12.15), Inllar (12.30), Cé Pantasma (12.45), Guadi Galego (13.00), Mero (13.15), Marcos Pereiro (13.30), Antía Ameixeiras (13.45), Siro López (14.00), Carmen Isabel (14.30), Pablo Díaz (14.45), Xosé Lois Romero (15.00), Rodrigo Romaní (15.15), Lupe Blanco (15.30), Paco Nogueiras (15.45), Paula Blanco (16.00), Pakolas (16.15), Touriñán (16.30), Mercedes Peón (17.00), Mini (17.15), Mamá Cabra (17.30), Xurxo Mariño (17.45), Anxo Angueira (18.00), Bieito Romero (18.15), Elena Ferro (18.30), Irma Macías (18.45), Quico Cadaval (19.00), Xabier Díaz (19.15), Isabel Blanco (19.30), Uxía Senlle (19.45), Miguel de Lira (20.00), Antía Ameixeiras (20.15), Mago Antón (20.30), Antonio Piñeiro (20.45), Uxío Novoneyra (21.00), Felipe Senén (21.15), María Canosa (21.30), Carlos Blanco (21.45), Cristina Pato (22.00), Miguel Mato (22.15), Sés (22.30), Iria Rodríguez (22.45) e Zënzar (23.00).

Acto presencial

Ademais deste extenso programa na Rede haberá no Couto un pequeno acto presencial: a carón do monólito pondaliano do adro da igrexa de San Tirso de Cospindo, tres gaiteiros interpretarán ás 12.30 o Himno. Dispararanse tres foguetes, repicarán as campás e farase unha ofrenda floral.

Dous certames en Laxe para dar a coñecer a Carvalho Calero

Para dar a coñecer ao autor homenaxeado este ano, Carvalho Calero, o Concello de Laxe organizou aténdose ás circunstancias excepcionais dous certames dedicados ao escritor. Un deles, orientado a público infantil, ata 13 anos, é de ilustración, con base na obra As pitas baixo a choiva. Para o público xuvenil e adulto propoñen un concurso de recitado de poemas da publicación Reticencias, do mesmo autor. Os interesados teñen para participar dende hoxe ata final de mes, podendo consultar todas as bases na web municipal. A área de Cultura, online, fixo ademais unha selección de recursos divulgativos do autor.

Un zasense en Nova York, detrás do proxecto fálame.gal

Hoxe, 17 de maio, publícase fálame.gal, un proxecto que celebra as posibilidades do galego e invita a falar máis esta lingua. Detrás da iniciativa están Pablo Honey, natural de Romelle (Zas) e Tino Barreiro (A Estrada), dous creativos que promoven iniciativas relacionadas coa cultura galega dende Nova York, donde residen por traballo. En fálame.gal, diferentes deseñadores foron convidados a experimentar co galego creando un visual coa frase Eu son a túa lingua. Ti es a miña fala.