Juan Otero: «As orquestras facturan arredor do 90 % no verán, isto vai ser unha hecatombe»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Uns 200 alumnos do conservatorio carballés agardan para saber que pasará co curso. Diso fala o seu director, Juan Otero

24 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Como todas as ensinanzas regradas, a actividade do Conservatorio Profesional de Música de Carballo está paralizada ata novo aviso. Sesións por vídeo conferencia ou prácticas a domicilio substitúen ás clases presenciais ata que dende a Consellería de Educación aclaren a súa situación: avaliacións, exames, probas de acceso para o vindeiro curso, promoción... Un mar de incógnitas das que fala o director do centro, Juan Otero (A Coruña, 1969), experimentado músico e coñecedor dun sector que, sen dúbida, será dos máis castigados neste verán: a verbena.

-Substituíron as aulas pola Rede.

-Pois si, ao ser ensinanza regrada estamos tamén parados, pero traballando cos rapaces mandándolles traballos ou dándolles clases por vídeo chamada. Como podemos e á espera de directrices de como será a fin de curso. Estamos nunha situación moi complicada, e de seguro esta pandemia sairá nos libros de historia cando pasen moitos anos.

-Aplicarase o aprobado xeral que propón o Goberno central.

-Existe esa directriz de contabilizar os resultados obtidos ata a declaración da pandemia, pero cada comunidade ten despois os seus propios criterios a aplicar. Mandamos un escrito á inspección educativa para saber que facer coas probas de acceso, pero de momento non temos información. Loxicamente, están dándolle prioridade a solucionar o ensino obrigatorio.

-A música, sempre ao final.

-E, non obstante, fíxate que importante é a nivel anímico en casos como o que estamos vivindo. É unha válvula de escape, pero as artes parecen que só en momentos puntuais teñen valor.

-O verán non se presenta demasiado alentador para os músicos.

-Vai ser unha hecatombe a nivel laboral. No conservatorio tiñamos un programa de actividades programadas polo aniversario do centro que, en principio, quedaron aprazadas. Pero como a cousa non mellore seguramente non poidamos facer nada ao non poder celebrar actividades que impliquen reunións de persoas. Todo ese traballo que tiñamos planificado, como os concertos polas parroquias de Carballo, véxoo dende unha perspectiva bastante negativa.

E no referente ás orquestras... Vexo bastante difícil que se poidan celebrar festas neste verán.

-En Madrid veñen de cancelar festas e verbenas ata novembro.

-Pois se en Madrid afecta a 20 ou 30 orquestras, en Galicia haberá que multiplicalo por 10. A 20 empregados por cada formación -entre músicos, montadores ou técnicos- son miles de persoas que non van ter traballo, ademais de outros sectores que viven directamente da verbena: atraccións, festexos gastronómicos... Eu coñezo ben o sector, por traxectoria propia e dende que o meu avó andaba polas festas tocando o acordeón diatónico a principios do século XX, e é algo que vai no ADN dos galegos.

-No verán, por enriba, concéntrase a maior parte da facturación.

-Eu tiven unha orquestra dende que ma deixou o meu pai con vinte e poucos anos ata hai nada e o 90 % dos ingresos fanse no verán.

-Será factible subsistir?

-Non estou agora moi posto no sector, ao non ter xa a orquestra, pero quizais un 10 ou 15 % das formacións acaben desaparecendo, aínda que despois se retomen unha vez se volva á normalidade.

-Cabe agardar por unha pronta solución, entón...

-Eu imaxino que, polo menos no terreo docente, terán que tomar algunha determinación axiña porque o final do curso está xa aquí: avaliacións, probas de acceso, recuperacións... Vexo con preocupación as actividades colectivas, como ensaios ou clases: se se van poder celebrar ou non, se haberá que deixar un espazo entre os alumnos... É un galimatías porque son cuestións que nunca tivemos que valorar, ao ser unha situación tan única.