«Unha educación feminista repercute tamén na liberdade do home»

Santiago Garrido Rial
S. G. RIAL CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

A edila asegura que o traballo en prol da igualdade faise todo o ano, pero nestes días a visibilidade é moi superior

08 mar 2020 . Actualizado a las 21:50 h.

Maica Ures García (41 anos) é a concelleira de Benestar e Igualdade de Carballo dende hai cinco anos. Neste mandato (o segundo dela na corporación), dende hai case un, sumou tamén a área de Sanidade. Estes días, o seu departamento está especialmente activo, pero o traballo abonda todo o ano, e non é pouco precisamente.

-Na súa concellería, de que xeito se traballa no ámbito da muller?

-Actuamos bastante. Por exemplo e sobre todo, no asesoramento e atención directa con mulleres. Temos asesoría xurídica e psicolóxica no CIM, que atenden a mulleres tanto de Carballo como de outros concellos, xa que temos convenio con eles, como Malpica e Ponteceso. Pero, evidentemente, calquera muller que chegue ao CIM será atendida, con independencia da procedencia. Evidentemente á hora de tramitar calquera axuda, non é factible, porque a maioría deles, ou de recursos, implica que tes que estar empadroado neses concellos. Pero asesoramos, guiamos e poñémonos en contacto con outros concellos, para que estean informados da súa situación.

-Haberá moita casuística. Pódense resumir as liñas xerais do que máis se atende?

-Normalmente, o maior volume é para asesoramento psicolóxico. As casuísticas son completamente dispares. Hai mulleres vítimas de violencia de xénero, outras con enfermidades, problemas familiares... Hai unha coordinación interna dende o CIM cos servizos sociais comunitarios básicos e o programa de educación familiar.

-O traballo vai a máis?

-Cada día hai máis volume de traballo. E non é só iso, a atención directa ás mulleres. Tamén facemos outro tipo de actividades. Sacamos axudas para conciliación, e de concienciación, sensibilización, que son piares para a prevención.

-Precisamente sobre a conciliación, aprovéitase ese programa?

-Cada ano, as matrículas están medrando exponencialmente. Cada vez máis. Temos entre nenos fixos e días soltos, en torno a 250 solicitudes. Animamos a todo o mundo a participar no programa Concilia. Dende as 7.00 no centro escolar, e ata a hora de entrar no colexio, cada un o que teña.

-Hai datas como estas, ou as do 25-N, con máis actividades, pero o resto do ano son menos.

-Eu creo que hai que facelo todo o ano, por suposto. Parece que todos e todas, estes días somos moi feministas, pero chega o día 10, e non somos tanto. É fácil velo nas noticias. Cando é o 25N, do 23 ao 26 están constantemente con iso. Coa violencia de xénero. Pero pasan esas datas, aparece a nova de que asasinaron a unha muller, e seguimos igual. Parece que non pasa nada. Está claro que hai efemérides que hai que marcar no calendario, dáselle visibilidade, pero o traballo tense que facer constantemente, todo o ano.

-Pero esta semana está abarrotada de actividades, por todas partes. Velle efectividade?

-Quero pensar que si. O que non se nomea, non existe. Se lle poñemos nome a algo, estamos dándolle visibilidade. Se o facemos con toda a sociedade (nenos, adolescentes, maiores...), mellor. Ver que hai maneira de cambiar a socialización que tivemos, dentro dun sistema androcéntrico e patriarcal... Non nos damos conta de que fomos educados así, non vemos os micromachismos do día a día, porque a nosa segunda pel está chea de machismo, dunha educación que recibimos durante todos estes anos. Así que é o momento de desprender o que aprendemos, e aprender que existe outra realidade. E sacar o feminismo á rúa, e dicir o que é, nunha linguaxe que se entenda. É beneficioso para todas e todos. Moitos homes non son aínda conscientes do beneficioso que sería para eles unha educación feminista. Sempre pensamos que repercute no benestar da muller. Para nada: repercutiría tamén na liberdade do home. Moitos escoitamos nalgún momento que os nenos non choran, os nenos non poden facer isto ou o outro. E si: os nenos choran como as nenas. Nacemos iguais, é a sociedade a que nos tilda que ti vas ser neno, desta maneira, e ti nena, e destoutra. Xa se nos presupón que seremos así, edúcasenos deste xeito. Imos normalizando esas condutas. Creo que moitas destas actividades do 8M serven para concienciarnos da sociedade na que vivimos, e como fomos educados.

-Está claro que hai unha evolución positiva, pero tamén hai formación políticas extremistas que negan todo isto. E ata unha capa adolescente que secunda esas mensaxes. Que lle parece?

-Déixame o corpo mal. Non son partidos novos, as estratexias que usan estiveron sempre aí. É un colchón vello con outra funda, co discurso que sempre existiu. Pero socialmente non estaba ben visto dicilo, e agora a sociedade lexitimounos e nós mesmos estámoslle dando sempre cotas de pantallas nas redes, compartindo e criticando. E moitas veces, querendo facer o contrario, estámolos beneficiando, porque somos axentes multiplicadores da mensaxe que transmiten, e que cala en determinados estratos da sociedade. O que me parece revelador é a macroenquisa do 2015 sobre violencia de xénero. Canto menos era para ter medo. Rapaces e rapaces entre 16 e 25 anos tiñan menos consciencia das discriminacións. Non vían que o control do móbil é violencia, por exemplo. Ou que os celos (así o temos escoitado) é que a persoa te quere moito. E outro discurso que vende a ultradereita é que a igualdade xa existe, nin machismo nin feminismo, ese é o discurso do patriarcado. Enténdese que se es home tes que ser de idade media, clase media, branco e heterosexual. O que sexa fóra de aí xa se escapa. Creo que nós dámoslle certa importancia.

-Tal vez o máis chamativo estea nos adolescentes, moi influenciados polas redes.

-Son as redes e non es medio, pero é o mesmo. Multiplícanse as mensaxes, que van calando e sedimentando no ideario. En moitos aspectos. Con comunicación impersoal e fría. Como se inician moitos rapaces no sexo? Co porno. Nesa dominación, nese control, e elas son educadas do mesmo xeito. Normalízase. Non son capaces de ver a realidade por iso. E outro tema: estámoslle dicindo ás nenas que poden ser o que queiran, que se empoderan. Pero, pasa o mesmo cos nenos? Creo que non. Seguen recibindo a mesma educación baseada en sistemas androcéntricos. Hai que darlle educación feminista a nenas e nenos. Os dous poden ter intelixencia emocional, recuperar a súa esfera privada, saber respectar, que non é non. Educar a ambos do mesmo xeito, con referentes femininos.

-En que sentido vai o papel educativo?

-Un exemplo: para nós bordar, é unha tarefa que fan as mulleres. Se imos a Marrocos, os que bordan son os homes. Dependendo do contexto e a sociedade na que vivas, haberá profesións que se entenden de mulleres e de home. Hai que ensinarlle a nenos e nena que todos e todas podemos facer o que queiramos. Ninguén nos ten que dicir nada de como temos que ser, como debemos ser, con quen e como temos que xogar, como temos que vestir... Temos que facer nenos e nenas libres. O piar básico para facer cambios a nivel colectivo é, primeiro, a transformación individual. Sen iso, non pode haber unha transformación colectiva.

  -Volvendo ás actividades destes días, as de Carballo chegan ás dúas semanas.

-Quince días é o que aparece no programa, pero son 365 días. Dámoslle máis visibilidade. A xente está máis sensible con determinados temas, con noticias constantes sobre estudos, brecha salarial, coidados... Temos actividades para todos os públicos. E outros como a manifestación de hoxe, que organiza o Círculo e sumámonos. O feminismo ten que ser organizado e unido.

-Dende o seu posto, percibe desigualdade laboral? É algo que se ve no entorno comarcal?

-Claro que existe! É unha realidade. E non só falamos da fenda salarial. Tamén a das pensións, precisamente por esa desigualdade acumulativa. Somos as mulleres as que deixamos de traballar para dar coidado a ascendentes e descendentes. As que reducen a xornada laboral. Como repercute isto? Nos salarios. E a longo prazo, nas pensións. Ao sistema capitalista tampouco lle interesa que sexamos iguais. Pero nin homes, nin mulleres. Enriquecernos a nós vai en detrimento dos demais. Creo que é o propio sistema o que non nos deixa moitas veces. E tamén a sociedade, e a educación que tivemos. As mulleres parimos, vale, é así bioloxicamente, é evidente, pero os fillos teñen un pai e unha nai. E maioritariamente quen colle a baixa por baixa e coidado e reducindo a xornada seguen sendo as mulleres. Ou pedindo as horas para acompañar aos nenos ao centro de saúde. É unha realidade visible.