O Interplay duplica a asignación para o premio a proxectos de webserie en galego

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Serán este ano 3.000 euros

27 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Carballo Interplay pon en marcha unha nova edición do seu campamento de creación dixital Kamikaze, que dende uns anos complementa a programación principal. Desenvolverase en tres xornadas, do 30 de marzo ao 1 de abril, nun entorno inigualable como é a praia de Razo. Ademais, este será o segundo ano no que unha produción nacida no marco desta iniciativa opte aos Premios Mestre Mateo, outorgados pola Academia Galega do Audiovisual.

O festival, que xa está quentando motores para a súa próxima edición (1 ao 4 de abril), duplicará a asignación reservada para o premio a proxectos de webserie en galego, que pasará a ser de 3.000 euros para a produción de tres vídeos do proxecto premiado. Os interesados en inscribirse nesta modalidade do concurso poden facelo ata o 15 de marzo.

Os gañadores na última edición, Xan e Amnesia 3.0, poderán verse xa convertidos en audiovisual no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo o xoves 2 de abril.

Por outro lado, David Sainz, padriño do festival, amosarán en exclusiva no Interplay Grasa, unha comedia sobre novas oportunidades que poderá verse proximamente en Playz, a canle dixital de RTVE.