Evencio Ferrero: «Non poderemos gastar o que temos, e teremos que pagarlle aos bancos»

O alcalde de Carballo explica que, dende que a ordenanza da zona 30 está en marcha, hai menos sancións e máis seguridade


carballo / la voz

Evencio Ferrero Rodríguez (64 anos) analiza a marcha do inicio do seu quinto mandato (o segundo con maioría absoluta) como alcalde de Carballo polo BNG, tras 9 meses dende as eleccións.

-Que balance fai destes primeiros nove meses de mandato?

-É a continuidade dun traballo intenso que xa se iniciou hai 16 anos. Seguir facendo de Carballo o que sempre foi o noso obxectivo: un bo lugar para vivir.

-Pero pasaron cousas: obras, chegada de fondos europeos...

-Sen dúbida. O dos fondos xa nos puxemos a tramitalos dende o principio de mandato. Recibimos a confirmación dun deles, Cicl-Ando Carballo, que pode significar un impulso grande á mobilidade e seguridade peonil, e ciclista dentro do casco urbano, polígono e estrada a Razo. Estamos pendentes de resolución doutro segundo fondo relacionado co aforro enerxético en todos os edificios públicos do Concello. E tamén se avanzou nos plans especiais de Arnados-Razo e Baldaio-A Pedra do Sal, entre outros temas. Carballo é un concello cun alto ritmo de investimento. Hai melloras de infraestruturas que se están materializando continuamente.

-Os plans do litoral van supoñer unha transformación tremenda, con limitación de accesos de vehículos, de aparcamentos... Non cre que pode supoñer algún rexeitamento?

-Os procesos transformadores, inicialmente poden significar cambios de conduta e comportamento. E se cada algunha persoa non os asimila coa rapidez necesaria. Pero en calquera caso, o noso litoral merece atención prioritaria. Falamos de investimentos, a varios cuadrienios, moi importantes.

-Nesta meses tamén se viu o problema que padece Baldaio. Que opina do que pasou e aínda pasa?

-Había moito que non se vía algo así. Eu non o lembro, e xa teño recorrido suficiente. Isto xa o alertamos no seu momento, a finais do verán xa era a crónica dun taponamento anunciado, e aquí houbo, non sei se deixación, pero si deixar pasar por pare da Administración que ten competencia nese ámbito, e agora decídese actuar cando xa houbo bastantes danos e sobre todo trastornos e problemas para residentes e algunha actividade económica. Se se fixeran traballos de mantemento gradualmente, e cun calendario establecido, esta situación estrema non tería por que ter acontecido.

-Tamén había tempo que nunca se falaba tanto de obras como as da rúa Barcelona e a Luís Calvo, polos retrasos e molestias causadas. Como é posible que pase algo así a estas alturas?

-Os procedementos de contratación teñen que garantir a libre concorrencia. Nese procedemento, segundo a lexislación, hai veces que pode pasar algo así. Das moitísimas obras que levamos contratado, é posiblemente a primeira vez que ocorre algo así, que padecemos os últimos seis meses. Afortunadamente, non é o habitual. Era unha empresa que por primeira vez collía unha obra de tanta dimensión en Carballo, ademais da Consellería de Educación [o colexio Fogar] e vemos que a súa execución non se correspondía para nada coa oferta presentada. Son os riscos que hai que padecer cando se garante o principio de libre concorrencia e transparencia, pero tamén é certo que non é normal que nos tempos nos que estamos haxa eses niveis de execución tan deficientes.

-Pero vaise acabar, non?

-Si, si, claro. Esta semana xa se lle deu un impulso grande, xa se aglomerou a parte da Luís Calvo, e falta por rematar algo, que non se puido polo convenio da construción, que non se traballa en entroido. Espero que o mércores remate o aglomerado, e queda moi pouco coas beirarrúas.

-Falando de obras, aínda que case cada unha merece entrar nela, que pasa coa igrexa de Rus? Hai moitos meses que tiña que estar sen cableado frontal, algo anunciado hai anos.

-Con Fenosa hemos topado. Depende exclusivamente de que esa empresa, a do suministro, proceda a reubicar e soterrar. Xa pasou moitas veces: demoran moito todos os procedementos.

-Nestes meses chegou a sentenza contraria á ordenanza da auga. Como o valora?

-Das sentenzas que chegan, eu valoro como moi positivo que todas as que chegan relacionadas co PXOM, foron favorables. E esta, referida ao ciclo integral da auga, o xulgado non entrou na cuestión de fondo das tarifas, senón que o fixo nun aspecto formal cun cambio que houbo na lei de contratos. Espero que iso quedara totalmente solventado, e que non teña ningún tipo de repercusión sobre as tarifas de todos os usuarios da traída de Carballo, que son as que ofreceu a empresa na súa oferta económica.

-Falando de ordenanzas, chegou agora a do ruído, antes aprobouse a da limitación a 30... Non cre que pode dar a sensación de que hai moita ordenanzas, pero pouca aplicación?

-Na de tráfico, a dinámica actual de mobilidade de todas as cidades, e tamén as recomendacións da DGT, levan a que se implanten zonas 30 nos ámbitos urbanos. Tamén A Coruña se vai a sumar a esta iniciativa. E é certo que hai xente que non respecta iso, como tampouco respectan os límites que marca Tráfico para autoestradas ou interurbanas. O que si se conseguiu é que o tráfico en Carballo sexa máis calmado. A proba é que a xente pensaba que a ordenanzas era con motivos recadatorios, sancionadores, e dende que se implantou a zona 30, hai menos sancións que antes. Así que queda conseguido o obxectivo de que o importante é a seguridade, dos vehículos e sobre todo das persoas.

-Dentro de poucos días saberase a liquidación do 2019, e Carballo rematará con máis cartos aínda, polos 12 millóns de remanente. Cre que por fin se poderán gastar, por fin?

-Creo que non poderemos gastar o que temos. É un problema que está lastrando a capacidade operativa de todas as Administracións locais, concellos e Deputacións. E agora, por riba, a situación complícase máis, porque xa está habendo movementos por parte das entidades financeiras. Antes pagaba intereses por ter diñeiro nos bancos, e agora van cobrar por de diñeiro. Por riba de que non nos deixar gastar, vannos penalizar con comisións por ese diñeiro en cada entidade. Non podemos gastar e teremos que pagarlle aos bancos polos cartos. E non sei se cumpriremos a regra de gastos. Supoño que non, porque cada vez cumpríamos con menos diferencial. Non é normal que nun concello con orzamentos de 30 millóns de euros, consolidados, que haxa un incumprimento da regra de gasto por cinco mil e pico euros. Habendo moitísimo máis ingreso ca gasto. É un sensentido.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

Evencio Ferrero: «Non poderemos gastar o que temos, e teremos que pagarlle aos bancos»