Dúas horas de loas a un varón sabio, humilde e honesto

O salón parroquial ateigouse de xente no recoñecemento que o IEB lle dedicou ao vello clérigo


carballo / La Voz

«O que se humille será exaltado». A frase do Evanxeo de Lucas cumpriuse onte ao pé da letra nas dúas horas de homenaxe recibida por un varón «adornado de sabedoría e honestidade», o crego Xosé Pumar Gándara, que case nonaxenario asistiu coa cara encarnada á chuvia de loas que lle caían de parte de Cristina Abelleira, presentadora do acto; Xan Fernández Carrera, presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB); José García Gondar, párroco de Carballo; Xosé Manuel Varela, filólogo; Xosé Antonio Andrade, avogado, e Luís Guiadás, historiador.

Foi no salón parroquial, ateigado de carballeses, bergantiñáns, xentes de Bastavales e de Val do Dubra, terra de nacenza deste crego de gran altura intelectual, humanista, «ilustrado, sabio, erudito e egrexio», como dixo Fernández. Un clérigo contemporáneo -apuntaría Abelleira- que foi o primeiro presidente do IEB e «guía» perpetuo.

«Amigo, mestre e conselleiro» é para José García Gondar, que se chanceou con algunhas anécdotas. Dixo de Pumar que podería ter sido catedrático de latín, de historia, filósofo e incluso arquiveiro diocesano. «Se el estivese non roubarían o Códice», comentou entre os risos da xente. Revelou que un dos principios que inspirou a creación do IEB, que foi alentado polo consello parroquial, era que «en amor a Galicia que non nos gañe ninguén». Gondar tamén enumerou os logros máis mundanos do homenaxeado: un campo de fútbol de Bastavales, que leva nome do artífice, a casa reitoral de Trazo, entre outros. A chegada de Pumar a capital carballesa «foi un regalo», segundo Gondar, quen confesou que o seu amigo pon «poucas penitencias» cando confesa.

Andrade foi repasando a vida do crego, nacido o 8 de outubro de 1931 en Santiago de Buxán. É o cuarto cura en catro xeracións da súa familia. E para ordenarse tiveron que pedir dispensa a Roma porque era case dous anos máis novo do permitido. Ademais é un home, «no amplo sentido da palabra, bo», afirmou Xosé Manuel Varela lendo un texto enviado de Montevideo. Falou das bondades literarias do vello sacerdote e tamén o cualificou como un dos patriarcas da cultura galega e comparouno con Saturnino Cuíñas, Andrés García Vilariño e Frai Martín Sarmiento. Andrade e Varela pediron unha escultura, unha rúa, un centro cultura... para este home que levará detrás unha «nube de chirlomerlos» do IEB. Logo, Pumar recibiu un cadro de mans de Fernández e o coro de Carballo agasallou con tres pezas ao veterano clérigo, que é bo músico e compuxo himnos aos lugares nos que estivo. As loas foron devoltas polo homenaxeado para quen sempre peregrina na busca do saber.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Dúas horas de loas a un varón sabio, humilde e honesto