TeGa pide explicacións polo uso do galego nun exame en Carballo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

O grupo municipal de Terra Galega refírese á convocatoria para a formación dunha lista de candidatos para a provisión interina ou temporal de administrativos de administración xeral

19 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo municipal de Terra Galega de Carballo, a través do edil Andrés Eirís, quere que o grupo de goberno lle explique que pasou co uso do galego nunha recente proba, ademais de por que se publicou a versión en castelán e non a de galego, tendo unha ordenanza específica. E pide ademais que se publique na web a versión en galego «á maior brevidade posible».

Eirís refírese á convocatoria para a formación dunha lista de candidatos para a provisión interina ou temporal de administrativos de administración xeral. O primeiro exame celebrouse o venres 10. «O sábado, TeGa recibiu unha queixa sobre a versión en galego de dito exame, por parte dun candidato, e di que ‘o exame foi un despropósito, estaba mal redactado e era ilexible, metían as palabras en castelán e castrapo, e moitas estaban xuntas. Non se entendían as preguntas’». O martes, Tega contactou coa secretaría do tribunal, «e recoñece que redactaron o exame o mesmo día da primeira proba, e que algunha palabras poden ir unidas, pero que é perfectamente lexible». O concelleiro pediu ver o exame en galego, dixéronlle que non, pero que en breve se publicará, exame e resultados, na web. «O xoves 16 publican na web oito arquivos en relación á praza, entre elas as instrucións e cadro de respostas, e para a nosa sorpresa, a versión en castelán», indica o concelleiro. Eirís lembra que dende o 2013, Carballo ten unha ordenanza de impulso ao galego, na que se detalla que esta lingua usarase en todas as accións». Ademais, na actualidade carece de normalizador.