Lugo

Lugo tivo unha forte pegada na traxectoria do escritor e profesor Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990), que este ano será homenaxeado no Día das Letras Galegas. Pero a cidade tamén quedou impregnada do saber e da revolución educativa que supuxo o paso desta figura senlleira da literatura galega pola cidade amurallada e, máis concretamente, polo Colexio Fingoi, onde foi conselleiro-delegado durante quince anos. Analizar esa etapa e homenaxear o traballo que en Lugo desenvolveu o escritor son os obxectivos da mostra itinerante Don Ricardo de Fingoi, que se pode ver ata o martes no Colexio Fingoi e que o mércores abre as súas portas na delegación territorial da Xunta en Lugo, para despois seguir a ruta en Compostela. O Colectivo Egeria organiza a exposición, co apoio da Xunta, a Real Academia Galega e o Colexio Fingoi. A través de 13 paneis e da web www.carballocaleroenlugo.org, a mostra percorre os anos do literato en Lugo, onde desenvolveu unha importante labor cultural entre 1950 e 1965.

A vinculación de Carballo con Lugo comezou na súa mocidade. Aí coñeceu a María Ignacia Ramos, de Baleira, compañeira de estudos de Filosofía e Letras, coa que casou en 1933 e coa que en 1936 tivo a súa primeira filla, que naceu en Lugo. Pero ese ano Carballo, que fora un dos fundadores do Partido Galeguista e un dos redactores do anteproxecto do Estatuto de Galicia, foi sometido, como membro do Exército da República, a un consello de guerra e preso, quedando en liberdade condicional en 1941.

Carballo Calero organizou numerosas viaxes culturais para os alumnos do Colexio Fingoi. Aquí, en Compostela.
Carballo Calero organizou numerosas viaxes culturais para os alumnos do Colexio Fingoi. Aquí, en Compostela.

O proxecto do Colexio Fingoi

O ano 1950 marca un punto de inflexión na vida de Carballo Calero. É entón cando o financeiro Antonio Fernández -que xa creara a granxa-escola de Barreiros (Sarria)- chama ao intelectual para que lle dea forma a un proxecto educativo que rachaba os esquemas do ensino tradicional: o Colexio Fingoi. Ao ser un galeguista represaliado, que estivera no cárcere, non puido ser director, pero converteuse no conselleiro-delegado do único colexio mixto. En Fingoi non existían libros de texto, nin se levaban deberes para a casa, nin había máis de vinte alumnos por aula. Ademais, impartíanse clases de gaita, canto e baile tradicionais, de conducir, íase ao mercado a aprender a comprar e cada alumno tiña un horto que traballar. Ademais, Carballo Calero outorgaba especial importancia ás viaxes culturais. Tamén se facía teatro experimental, a veces escrito e sempre dirixido por Carballo, que nas súas clases de literatura incluía cine, zarzuela ou ópera.

Carballo Calero organizou numerosas viaxes culturais para os alumnos do Colexio Fingo. Aquí, a Extremadura e Andalucía, en 1963
Carballo Calero organizou numerosas viaxes culturais para os alumnos do Colexio Fingo. Aquí, a Extremadura e Andalucía, en 1963

«O tempo lucense de Carballo pode parecer unha etapa de silencio, pero foi un abrente, un amencer vital que lle permitiu rehabilitarse diante de si mesmo, e proxectarse -a través do colexio e do seu alumnado- á cidade de Lugo; e a través da súa escrita, a todo o mundo de fala galega», relata Xulio Xiz, do colectivo Egeria. De feito, ademais de ser decisivo no desenvolvemento do Colexio Fingoi, participou activamente no Círculo das Artes e nas tertulias literarias, e durante os seus anos en Lugo publicou Anxo da terra, A xente da Barreira, Salterio de Fingoy, Contos populares da provincia de Lugo ou Historia da literatura galega contemporánea. «E sempre, na educación e na escrita, xente de Fingoi, alumnos de Carballo, destacando no panorama cultural de Galicia e España», continúa Xiz: Araceli Herrero Figueroa, Adela Figueroa Panisse ou Carmen Blanco, que na súas Conversas con Carballo Calero aborda o vencello do literato con Lugo.

Unha das viaxes culturais con, entre outros, Chan Carballo, Carballo Calero, Carmen e Melisa Fernández Puentes.
Unha das viaxes culturais con, entre outros, Chan Carballo, Carballo Calero, Carmen e Melisa Fernández Puentes.

Carballo Calero, na conferencia «Quinze anos em Lugo», que pronunciou en 1974 no Centro Lucense de Buenos Aires: «...o Colégio contava com instalaçons permanentes onde estudar empiricamente nas aulas diárias esse mundo que se visitava nas excursons para comprendê-lo na sua plenitude (...) Pitas, parrulos, pombas, coelhos, porcos, enchiam os currais e as granjas. Os alunos, assí, partiam do conhecimento efectivo do mundo rural que os sustentava. Se os rapaces aprendessem a sachar umha leira, a sementar o grao, a trabalhar a torno, a manipular num quadro de electricista, a erguer umha cabana e a criar umha rolada de pitos saídos da incubadora, estariam melhor situados para afrontar a vida real...»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Carballo Calero revolucionou a educación en Lugo