Iván Barreiro: «A falta de persoal cualificado é un freo para o desenvolvemento das empresas»

A viva voz | Os industriais agardan que a extensión da FP dual solucione a carencia


carballo / la voz

Iván Barreiro é un dos empresarios de Carballo que colaborarán na posta en marcha da FP dual no Monte Neme. É membro de Agalma (Alquiladores Galegos de Maquinaria), coa que o instituto tivo unha reunión debido ás grandes necesidades de persoal formado que teñen as compañías, sobre todo pola falta de electromecánicos.

-Como valora a posibilidade de ter maior oferta de FP dual?

-É un paso superimportante, porque temos unha carencia de man de obra moi importante. Hai moita demanda de persoal específico en toda Galicia, e tamén aquí. Esa é a motivación do empresario. A cuestión é de que xeito podemos facer para ter a confianza de que o alumno non vai marchar cando estea formado.

-Cando empezaron a detectar esa falta de persoal?

-Hai polo menos sete anos, e cada vez vai a peor. Mantense a carencia e aumenta o traballo, pero hai moitas cousas que non se poden facer por falta de empregados. Se puidera aumentaría seccións, pero non hai electromecánicos ou montadores de andamios. Agora imos facer un curso sobre iso no polígono para toda Galicia, porque non hai xente cualificada. O problema é que o 15 ou o 20 % do persoal ten xa bastante idade e non hai recambio xeracional.

-Por que?

-No sei se a xuventude está demasiado protexida, se na casa non incentivamos os valores do traballo... Todos queremos que os nosos fillos estuden unha carreira, que fagan Dereito, e esquecemos que hai postos moi importantes e que non todos precisamos ter unha carreira.

-Poderá solucionarse esta carencia coa FP dual?

-Debería, polo menos un pouco. Ata hai un ano non tivemos a primeira reunión, e haberá que agardar a que vaian saíndo, pero un ano pasa moi rápido na docencia, e hai que andar áxiles para formar ao persoal. Vainos axudar a buscar traballadores que agora non sabemos de onde sacar, non hai onde buscar. Coóusenos unha xeración, perdémola.

-É un problema que só afecta á zona da Costa da Morte?

-Non, todas as empresas temos o mesmo problema, todos os que temos maquinaria temos carencia de persoal cualificado para o mantemento e a reparación. É unha demanda moi potente, porque os traballadores que temos teñen entre 50 e 60 anos. Como se lle vai dar o relevo a esa xente é o gran problema.

-Canta xente contrataría agora mesmo, se puidera?

-Agora, neste intre, de cabeza, a tres persoas, pero poderían ser máis se houbera. Se teño cinco podo abrir, por exemplo, unha sección de mantemento de taladros. Sen persoal teño que seguir só coa reparación dos guindastres. Son exemplos. O que está claro é que sen xente non podo medrar, e se teño especialistas podo facer máis cousas.

-Que quere dicir?

-A falta de persoal cualificado é un freo para o desenvolvemento das empresas. É un mal común, pero grave. Por que hai tanta demanda de traballadores desde Suíza? Porque teñen o mesmo problema. Nós e desde a asociación estamos a apostar pola FP dual. Se podo axudar a formar a xente, aínda que sexa para outros, temos que estar involucrados.

-Pero iso custa cartos, porque os alumnos cobran.

-Ben, non é unha cuestión de cartos. Temos que atallar un tema, e o que menos importa é o tema dos salarios. Temos carencias que hai que resolver e tirar cara adiante.

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
1 votos
Comentarios

Iván Barreiro: «A falta de persoal cualificado é un freo para o desenvolvemento das empresas»