Lemos: «Ninguén asegura que se non cambia o equipo, non teña que saír eu tamén»

Fran Rodríguez / M. R. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

O novo adestrador do Bergantiños sincérase sobre a súa chegada ao club carballés tras o cese de Borja Facal

15 ene 2020 . Actualizado a las 21:12 h.

A chegada de José Luís Lemos Ameneiro (Santiago, 1970) ó banquiño do Bergantiños non se produciu, quizais, no mellor momento, tras a saída repentina dun home da casa como era o laxense Borja Facal. El mesmo é consciente da situación, non só a nivel de clasificación na Terceira galega, senón tamén de ánimos no vestiario e nas gradas. Con todo, veu por un motivo, para tratar de mellorar o rendemento do equipo, e nesas tarefas se centra.

-Como chegou ao Bergantiños?

-Tiven dúas opcións de chegar. A primeira, co cese de Miguel Figueira. Chamáronme do club, preguntáronme pola miña dispoñibilidade, e tamén me comunicaron que había outra opción dun home da casa. Despois do Bergantiños xogar en Pontellas o domingo día 5 deste mes, volvéronme chamar para dicirme que querían falar comigo porque ía haber un cambio de adestrador despois de disputar o partido contra o Choco, pasara o que pasara. Esa semana tivemos varias conversas, e o mércores, en Carballo, chegamos a un acordo. Era unha cousa que só sabiamos a directiva mais eu. Pensaban que era apropiado que Borja estivera no último partido e que, se saía ben, como foi o caso, pois que tamén saíra cunha vitoria.

-Foi unha sorpresa para xogadores e afección, pois non é o máis habitual que tras un triunfo chegue unha destitución.

-Eu entendo que pode chocar máis, pero repito, a decisión estaba tomada de antes. Entendo que poida sorprender a algún xogador, como sacastes na prensa a Christopher e co que falei no primeiro adestramento, pero ao final hai que acatar as decisións do club, tanto cando nos benefician como cando non.

-Que ambiente hai agora mesmo no vestiario?

-De principio, para todos era de sorpresa, porque unha cousa é cando se toma a decisión, e outra, cando se comunica. E nese intervalo de tempo, hai unha vitoria. Entón, pois chama moito máis a atención. Eu expliqueilles isto mesmo que vos estou contando aquí, de como fora o proceso de chegar a ser adestrador do Bergantiños. Na decisión da directiva, eu non podo influír, pois comunícanme que vai ser o domingo si ou si e así llelo expliquei. E que había que librar e seguir para diante e nada máis.

-Como se reconduce unha situación como esta?

-Non chego no mellor dos momentos. Tamén é certo que se o Bergan fose moi ben, seguiría Miguel ou Borja. E ninguén asegura que se non cambia e mellora o equipo, non teña que saír eu tamén. Isto é o fútbol. Pero bueno, é un reto nun club que todos coñecemos, sobre todo os que estamos neste nivel en Galicia. Sabemos que é unha entidade seria, estruturada, na que apetece ir traballar, pero que chega nun momento complicado e que é importante saír de aí canto antes, para non verte sobre todo na recta final da liga involucrado neses postos de descenso onde xa todo é moito máis complicado.

-Está ao tanto de todas as fichaxes e saídas que houbo. Todos estes cambios son do seu agrado?

-Tiven pouco que ver neles, pois se comento que o primeiro contacto que tiven coa directiva foi o día 5 de xaneiro e que ata o mércores non me reúno con eles, pois antes só foron conversas telefónicas, e as novas incorporacións son presentadas esa mesma semana... Coñezo a Cabanillas e a Vela. A Álex, non. Os dous primeiros son futbolistas de bo nivel para este plantel, e ao ucraíno haberá que velo co tempo. Xa estaban feitos e hai que adaptarse ó que hai.

-O domingo chega un novo encontro na casa contra outro rival importante: o Ourense CF, segundo clasificado. Tras a vitoria do último día, debería haber ánimos para afrontalo, non?

-Non é que poida habelos, senón que ten que habelos. O equipo fixo un bo traballo o domingo e, Borja, tamén. Foron capaces de sumar tres puntos contra un equipo que está en moi boa forma e que é moi complicado porque ten moita calidade manexando o balón. Fixeron un gran desgaste para defenderse ben, e eses tres puntos son importantísimos. Eu mesmo comentei no vestiario que, das posibilidades que se podían dar o domingo para a miña chegada, e sabendo que ía ser máis difícil de explicar habendo unha vitoria, prefería por suposto que o equipo gañara e tivese tres puntos máis. Agora, toca un partido máis na casa, contra un rival que está moi en forma e facendo unha moi boa tempada. Respectarémolo, por suposto, pero non imos temelo para nada. Temos que ir a polos tres puntos porque volver sumar outros tres sería importantísimo para seguir dando pasos para saír de aí abaixo.