Santi Canedo: «Teño moi bos recordos da miña etapa no Sevilla»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

O arqueiro do Bergantiños toparase na primeira eliminatoria da Copa do Rei co que foi o seu club e o seu adestrador de porteiros

20 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao Bergantiños tocoulle o gordo da lotaría de Nadal no sorteo da primeira eliminatoria da Copa do Rei. Recibirá ao Sevilla da máxima categoría de fútbol, nun estadio aínda por determinar, entre o 17 e o 19 de decembro. Santi Canedo, o porteiro do conxunto roxiño (Carballo, 1996), pasou no seu día polo imperioso club andaluz.

-Cóntenos a súa etapa no Sevilla.

-Eu fichara polo Sevilla C no meu primeiro ano de sénior, aínda que antes xa xogara nun equipo sénior, e se non lembro mal, a mediados de setembro, lesionárase Beto, porteiro portugués do primeiro equipo. O que se fixo no club foi ascender ao gardameta do Sevilla B e subirme a min, onde quedei con José Antonio Caro ata o final da tempada. Nos Sevilla C xogaba moito; no B, era segundo. Con este último vivín o ascenso a Segunda.

-Que recordos garda desa campaña?

-Fora un moi bo ano. A nivel futbolístico aprendín moitísimo, porque alí traballan moi ben a canteira. E persoalmente, tamén. Eu era un neno e crecín moito. A cidade é incrible, e a xente tamén. Vívese moi ben, mellor ca en Madrid, onde tamén estiven, primeiro co Atlético C e logo co Internacional. Teño moi bos recordos.

-Toparase con alguén coñecido do outro bando nesta eliminatoria?

-Si, o adestrador de porteiros, José Luis Silva, foi co que traballei no filial B. Agora subiu para o primeiro equipo.

-Daquela pódese dicir que vostede xogará cunha pequena vantaxe respecto aos seus compañeiros.

-É o Sevilla. Non creo que veñan con toda a artillería.

-Como sentou esta nova no vestiario?

-Non nos deu tempo nin a dixerila, porque o sorteo foi o domingo ao mediodía e tiñamos partido á tarde. Pero, polo que se ve, na vila e no cadro de xogadores xerou ilusión. É o premio que dá este novo formato de Copa ao que o club fixo na pasada tempada.

-O Bergan non pasa polo mellor momento, nos postos de descenso do Grupo 1 de Terceira División. Pode servir isto como revulsivo?

-Creo que onde nos temos que centrar é na liga, porque é o principal. Chegado o día, gozar do momento e, obviamente, intentar gañar, como buscamos facer todas as fins de semana, pero co aliciente de que xogamos contra un grande en Europa.

-Aínda está por ver en que campo se xoga o partido. Onde lle gustaría a vostede?

-A min en Carballo, porque é onde adestramos, onde xogamos e onde a afección vén a vernos ver. Ao final, a esencia que ten esta Copa é que os grandes xogan nos campos dos clubs modestos. Fálase, senón, de alternativas como Riazor, entre outras, que son estadios grandes, pero non son os nosos. O bonito sería que fose na nosa vila. De non ser así, perdería un pouco a esencia.

-Como se atopa o equipo tras a aterraxe de Borja Facal no banquiño?

-O equipo está traballando ben, como nas últimas semanas con Miguel [Figueira]. Borja é un aire novo. É unha persoa que está o suficientemente capacitada para adestrar. Fálase da inexperiencia que pode ter, pero isto é como cando terminas de estudar e che piden vinte anos de experiencia. Aínda é moi mozo. É unha persoa ambiciosa, que transmite.

-Este domingo ante o Silva firmaron a súa terceira derrota consecutiva, neste caso por 0 a 1, o que vén sendo a súa peor racha ata agora. Aumentan así a distancia respecto ao cuarto posto, que permite disputar a fase de ascenso a 15 puntos. Comezan a meterse en serios apuros. Na próxima xornada reciben ao Racing Vilalbés, da zona media, aínda que con só tres puntos máis ca o Bergan.

-O bo do fútbol é que cada fin de semana dáche unha nova oportunidade. Tratamos sempre de gañar, pero o propio día danse moitísimas cousas. O rival tamén xoga. Nós estamos nun momento no que emocionalmente non estamos tan preparados. Fáltanos algo de confianza, pero, traballando día a día, é algo que se consigue. O equipo é positivo e forte ante esta situación. Está confiado en que se lle pode dar a volta, aínda que o que che dá ese cen por cento son os resultados, que non nos acompañan.