«Dáme medo o respaldo a partidos que atentan contra as liberdades»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

SANTI GARRIDO

A concelleira de Igualdade de Carballo, Maica Ures, di que a educación e o traballo cos homes son esencias na busca da igualdade e da erradicación da violencia contra as mulleres. Pronto presentarán o seu programa de actos de cara a este 25-N

13 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

De xeito transversal traballa o Concello de Carballo pola igualdade entre homes e mulleres: non só dende un departamento específico, senón a través de tódalas áreas do goberno. A concelleira titular deste departamento, Maica Ures, avanza que axiña presentarán o programa de actos para o 25 de novembro. Para ela é esencial a educación, mais non só en idades temperás, senón tamén cos adultos. Ás veces, di, fai falta refrescar o xa aprendido.

-Achégase unha data importante no que se refire á loita pola igualdade entre homes e mulleres.

-Sempre digo que cando algo ten marcada unha data no calendario non é bo sinal: Día contra a Violencia de Xénero, Día contra o Acoso Escolar... Aquí trabállase pola igualdade durante todo o ano: fíxose o Carballo en rede, traballouse moito nos institutos...

-Abordan esta cuestión, ademais, de maneira interdisciplinaria.

-Exactamente. Trabállase de xeito transversal: dende a propia área de Igualdade, pasando por Mobilidade, Contratación, Terceira Idade ou as distintas áreas de goberno que temos.

-En que grupo social cren que hai que facer fincapé?

-Cos nenos e as nenas, rapaces e rapazas de hoxe, porque serán os homes e as mulleres de mañá. Temos que traballar dende a base, pois a educación é para min o piar fundamental. Pero xa non nos rapaces, senón tamén en adultos. Moitas veces os homes e as mulleres tamén temos que lembrarnos deses coñecementos adquiridos que moitas veces metemos para o «caixón desastre». Ás veces é bo «desaprender» cousas que facemos habitualmente e recobrar o aprendido.

-Ás veces é o subconsciente o que nos xoga unha mala pasada, como sucede cos chamados micromachismos da linguaxe.

-Exacto, é básico acabar con esas condutas na linguaxe, aínda que considero que deberían denominarse machismos directamente, sen o prefixo «micro», pois estase facendo algo moi pequeno dunha cousa moi grave. Sempre se fala de que a violencia contra as mulleres é unha lacra social e un problema estrutural. Pois hai que cambiala. E en que se fundamenta esta estrutura? No machismo, no patriarcado: hai que atallar por aí. Por iso me parecen moi interesante as xornadas de formación que teremos este ano con David Kaplun, que nos vai ensinar que hai outras maneiras de ser home, outras masculinidades que para nada son novas, pois sempre houbo homes que nos axudaron nesta loita. Por suposto que hai que traballar coas mulleres, pero tamén me parece moi necesario traballar co outro 50 % da sociedade, pois a esa porcentaxe pertencen os que matan e danan á muller. Temos que dicirlles que teñen que baixar dese tren. Xa.

Queremos empoderarnos, ser mulleres libres e decididas. Pero que esa acción non provoque unha reacción: como sucedeu o pasado 8 de marzo, cando homes e mulleres saímos á rúa berrando pola igualdade e esa mesma fin de semana houbo tres novas vítimas.

-O votado este domingo por unha parte da sociedade española parece ir diametralmente en contra destes novos ventos de tolerancia e loita pola igualdade.

-A título individual dáme moito medo: como muller, como nai, como filla, como irmá... Dáme medo que partidos con esa linguaxe e con ese programa que eu cualifico como de terrorismo contra as liberdades das mulleres consigan o apoio que conseguiron. Para min é botar por terra o traballo de moitas que loitaron para lograr o que temos actualmente. Non somos conscientes da repercusión que pode chegar a ter, e en tódolos aspectos da sociedade: nas liberdades afectivo-sexuais, na violencia de xénero, nos teitos de cristal...

-No programa de actos que o Concello de Carballo está a preparar para este mes haberá tamén unha actividade centrada no ámbito laboral, outro dos campos de batalla esenciais.

-Si, ata agora era obrigatorio ter un plan de igualdade para todas aquelas empresas con máis de 200 traballadores, aínda que non fose nunha mesma localización. No novo real decreto dáse un prazo para que as empresas se adapten, pois xa comeza a ser de obrigado cumprimento. Por iso ofrecemos a tódalas empresas locais, ou que simplemente estean interesadas, información sobre prazos, procedemento...