Tres locais de Carballo manteñen o café a un euro e ofrecen alta calidade

fran rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Son o Jaque Mate, a cafetería Valle Inclán e o restaurante Río Sil

03 nov 2022 . Actualizado a las 12:00 h.

No 2007 alguén preguntaba ao entón presidente do Goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero, o prezo dun café. O líder socialista contestaba que valía 80 céntimos, de todo o que se lle preguntou esta foi a resposta que máis molestou a moitos españois. Comentábase que a súa resposta fora esa debido a que non pisaba a rúa e non tiña constancia do que custaba chegar a fin de mes, por aquel entón o prezo medio do café no país andaba polo 1,10 euros ou 1,20 euros... Hoxe, doce anos despois, en Carballo o prezo medio segue a ser dun euro dez, pero non en todo os sitios.

Hai na capital de Bergantiños algún negocio de hostalaría no que podemos gozar dun bo café por un euro. Cántos gramos se precisan para facer unha taza? Pois sete gramos de media, co que un quilo de café daría para aproximadamente 140 cunquiñas. Traducido en euros sairía a 1,10 euros de de media. Un quilo deixa na caixa 154 euros, se se desconta o prezo medio do produto que vén sendo duns 15 euros (sendo xeneroso ca calidade do mesmo) quedan 139 euros de ganancia.

Hai quen pensa, non sen razón, que o café deixa uns marxes de beneficio escandalosos, e se non houbese máis gastos, pois si. Pero nunha cunquiña fumegante non só vén auga e produto, ao custe do proceso haille que sumar outras cousas, a corrente, por exemplo. Moito se fala entre os hostaleiros de se é mellor deixar a cafeteira acesa todo o día ou é mellor apagala cada noite para así intentar aforrar algo na factura da luz. A cuestión segue xerando moitas dúbidas ao respecto. A man de obra, o aluguer, o dono do local soe pagar autónomos, podemos seguir cos impostos directos, indirectos ou incluso as taxas da SGAE.

A pregunta é se a 1,10 euros é caro o café? Pois depende do satisfeito que deixe ao consumidor, depende da calidade do propio produto (non todos son iguais) ou de como o preparen. Non todo o mundo ten a mesma man para facelo. Unha cousa é o prezo e outra o valor, pero ata nisto hai certa controversia, xa que un pode atopar en Carballo con tres locais de hostalaría onde aínda se pode tomar un café por un euro, si, cifra redonda, haberá máis, seguro, pero estes tres chámanme a atención por varios motivos. O primeiro é que teñen boa man. O segundo, o custe do café que utilizan é superior aos 25 euros o quilo, se ben se pode atopar cafés de calidade aceptable por menos de 14 euros. E terceiro, os tres xerentes son persoas con longa experiencia no sector. Os locais en cuestión son, o Jaque Mate, na rúa Fomento; o Valle inclán café, na rúa Valle Inclán, e o restaurante río Sil, na rúa río Sil.

Os tres traballan materia prima de alta gama de tres marcas diferentes, pagan máis polo produto, obviamente, pero non queren subir o prezo. Os motivos polos que seguen a ter a cunca a un euro tamén son distintos. O único dos tres locais que non ten o café como fonte principal de ingresos é o río Sil. Este restaurante carballés distínguese por outros produtos de sobra coñecidos. Teno, xa que logo, coma un servizo máis ao cliente, e cando preguntamos sobre o por qué de utilizar un gran de tan alto nivel, responden que todo ten que ir acorde ao resto de produtos e ao propio servizo que se ofrece no local, seguro que os comensais agradecen rematar o xantar con tan bo sabor de boca.

Se viaxamos ata o Valle inclán café sorprende aínda máis que manteñan o prezo do euro, xa que de entrada é unha cafetaría de referencia na vila, tanto pola decoración, como polo servizo e a calidade dos produtos que podemos degustar, e xa non falemos de que teñen unha das mellores terrazas de Carballo, Mari, a alma do negocio, di que mantén o prezo porque fai de reclamo, prefire gañar algo menos e ter máis volume de venda. Como comenta, un café sempre pode ir acompañado de algo máis.

Abonda coa satisfacción coa que marcha o cliente primerizo

 

 

O terceiro caso poderíamos dicir que é o Jaque Mate, na rúa Fomento. Un pode pasar horas escoitando a Sergio falar de café, incluso podería discutir con el sobre o tema, pero basta que poña un cortado diante para que se lle acabe dando a razón en todo canto di. É a súa paixón, tomar un café con el é coma ir a un restaurante con estrela Michelín e que che canten as bondades do prato que vas degustar... estamos ante un mestre cafeteiro. Tamén o vende a un euro. Comenta que que non quere subir porque llo debe á súa clientela, o que falta para chegar ao euro dez, compénsao a satisfacción coa que marchan os clientes que se achegan por vez primeira.

Son tres negocios onde tomar café de calidade ao prezo redondo de un euro, quere dicir isto que os demais cafés a un 1,10 euros é caro? Non, para nada.

Son estes tres mellores ca os do resto? Tampouco é iso precisamente, pero algún dos mencionados ben podería estar no listado dos dez mellores cafés que se serven na vila.