A regueifa da semana, por Lupe Blanco

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

MATALOBOS

21 oct 2019 . Actualizado a las 17:38 h.

Xa tocaba outra regueifa,

a graza non che é moita,

que se anegan as aldeas

nesta semana de choiva.

Que maneira de chover,

hai tempo que non se ve,

traballaron os bombeiros

de Carballo ata Cee.

Eu xa pedín en consulta,

que a cousa está ben sabela,

se había algún barquiño

para chegar a Compostela.

Polo menos se vos chove,

levade paraugas na man,

que aló en Cataluña

o que lles chove son paus.

É o tema da semana,

non lle vou a quitar graza,

creo que hai moita tristura

por falta de democracia.

O que si que teño claro,

por dicilo de bos modos,

non é só de cataláns,

tamén é cousa de todos.

Porque penso que esa xente,

en tanta barbaridade,

quere falar libremente

e ter máis tranquilidade.

Por aquí iso non pasa

que durmimos ben ó quente,

aínda nos veu visitar

o que é o noso presidente.

Veu Feijoo ata Carballo,

non sucede a diario,

podía vir ata a feira

pero foi cos empresarios.

Que vaia cos empresarios,

iso non vai ser tan raro,

polo menos, se falaron,

que quitaran algo en claro.

Que teñades bo domingo,

con un caldiño de unto,

seguiremos informando

do que pasa neste mundo.