Christopher Pallas: «Estou contento de poder adestrar sen dor despois de tanto tempo»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

«Tratarei de recuperar o posto que tiña en anos anteriores (era titular) e, senón, de axudar igual», di o porteiro do Bergantiños Club de Fútbol, que regresa dunha larga lesión

18 oct 2019 . Actualizado a las 17:31 h.

Christopher Pallas Lorenzo (Ginebra-Suíza, 1987) xa está a pleno rendemento co Bergantiños Club de Fútbol nos adestramentos. O porteiro residente en Carballo vén de arrastrar unha larga lesión nun ombreiro que o mantivo apartado en todos os partidos da pretempada e da liga ata o momento. A pasada fin de semana regresou á convocatoria. Será nesta nova xornada en Terceira Nacional titular? Nin el o sabe. O certo é que agarda con «ganas» pero, tamén, con tranquilidade ese momento.

-Cando e como se lesionou?

-Foi no traballo, alá por xaneiro. A raíz diso, sempre tiven que xogar infiltrado e, ás veces, incluso non puiden adestrar pola dor.

-Que tipo de lesión foi?

-Tiña unha fisura na clavícula mais unha inflamación no ombreiro.

-Chegou a nova tempada e que pasou para aínda non estar recuperado?

-Decidimos recuperar totalmente o ombreiro porque tiña moitísima dor cando xogaba. E a base de readaptación, á que aínda estou indo agora, e fisioterapeuta, pois pouco a pouco funo curando.

-Canto tempo leva traballando co equipo?

-Fixen a pretempada, pero co grupo, con balón, sen poder facer nada de portería, de tirarme. Agora si que levo dúas semanas xa co equipo, cos adestradores de porteiros, adestrando ó cen por cento.

ANA GARCIA

-Está xa perfecto, entón?

-Si, totalmente recuperado. Estou contento de poder adestrar sen dor despois de tanto tempo.

-Todo este tempo sen xogar afectoulle dalgún xeito?

-Nunca tivera unha lesión que me impedira perderme a pretempada e o inicio da liga e, a verdade, é que é demasiado tempo estando parado, sen poder facer o que che gusta. Ao final, adestraba só para recuperarme. Non poder ir convocado nin estar día a día cos teus compañeiros faise duro.

-Agora, imaxino que ten moitas ganas de saltar ó céspede, non?

-Si, xa fago todas as partes do adestramento e toca agardar a cando o míster decida poñerme para poder axudar ó equipo. Senón, igualmente dende o banquiño tratarei de axudar igual.

-Vostede foi sempre titular indiscutible. Esta nova campaña ten un novo compañeiro, como é Santi Canedo, que demostrou un bo facer no campo e así o comentou o adestrador Miguel Figueira. Como asume esta situación?

-A verdade é que Santi ata agora fíxoo moi ben. Pero ao final isto é traballar día a día. Tratarei de recuperar o posto que tiña en anos anteriores e, senón, de axudar ó equipo diariamente nos adestramentos para que polo menos Santi tamén poida estar sempre ó cen por cento, xa que iso vai beneficiar ó equipo.

-Estalle custando ó Bergantiños este arranque de liga. Que defectos detecta vostede a parte da clara falta de gol que os propios números demostran ao converterse no conxunto menos goleador con só cinco tantos marcados?

-Non creo que sexa problema de defectos. Si que estamos tendo unha mala racha de cara a gol, pero tamén creo que se nos anularon tantos que non foron xustos. É difícil porque estamos acostumados a vernos sempre arriba e, agora, vernos abaixo, é máis complicado. Pero o equipo traballa moi ben día a día. É cuestión dunha mala racha. Sabemos que imos saír adiante para poder estar arriba.

-O equipo roza o descenso. Está a trece puntos do líder, o Ourense CF. É esta distancia xa irremediable de cara ó obxectivo inicial de facerse co campionato?

-Isto está claro que ten remedio. Van só oito xornadas. Pero sabemos que non podemos relaxarnos porque estamos nun posto no que non queremos estar. Creo que a partir deste domingo ten que haber un cambio. Temos que tratar de conseguir os tres puntos como sexa porque, senón, a distancia cos catro primeiros xa se nos iría moito. Os postos de descenso tamén están aí e hai que comezar por gañar este domingo [As Eiroas, 18.00 horas].

-Quizais o adversario da nova xornada, o Polvorín, rival directo na táboa cun punto menos, tamén axuda a lograr esa ansiada vitoria.

-Si, pero tamén é un moi bo equipo. Ten moi bos xogadores. O ano pasado só puidemos empatar contra eles en Carballo. Pasoulles algo como a nós, que ao principio pensaban estar máis arriba e non están tendo bos resultados. Por iso que ven o encontro coas mesmas ganas.

-Con que baixas contan?

-Yelco está pendente dunha resonancia pola lesión de xeonllo que sufriu no último partido. Nun principio parece unha escordadura do ligamento, pero estaba moi inchada e polo momento non se sabe que é realmente. Non está adestrando esta semana e é a única baixa fixa para o domingo. Bilal tamén levou un golpe no xeonllo, pero é menos grave. Igual pode chegar ó encontro.

-O Bergan pasa polo peor momento cun empate e tres derrotas. As dúas últimas, con tres goles encaixados e só un marcado ante o Fabril e o Rápido de Bouzas. Estes últimos resultados desanimaron máis aos compañeiros?

-Cando non che saen os resultados, ben non estás. Sobre todo, polo que demostras nos adestramentos mais polo que está acostumado este equipo. Pero sabemos que entre todos podemos sacar isto e por iso o conxunto está moi motivado para comezar a cambiala racha.