Manolo Cancela: «O que máis me gusta é cantar e conducir»

EN PRIMEIRA PERSOA | «No Seminario fixen amizades para toda a vida, ata hoxe.Pero aquilo non era para min. Para ser cura de verdade -para outra cousa, non-hai que ter moita vocación», di o bergantiñán


Carballo / La Voz

Cando me preguntan a que me dedico, digo que teño un lote de profesións. Ou máis ben tiven, porque agora o que fago sobre todo é cantar en misas, funerais e actos relixiosos en xeral. Xa cantaba de pequeno na misa, na igrexa de San Paio de Coristanco, que é a parroquia na que nacín. E xa dende os 5 anos, que empecei de monaguillo, cando os responsos eran en latín. Aínda me lembro dalgunhas letras.

Empecei a traballar nun taller mecánico, o de Méndez de Carballo, moi novo, tería 15 anos, e aí estiven ata os 18. Era duro, porque non tiñamos as comidades de hoxe. Aínda así, levábase ben, ser mozo axuda bastante cando se fan esforzos.

Despois xa me metín a condutor, traballando nunha fábrica de madeiras en A Agualada. Levabamos táboas por toda España, por exemplo a Linares, en Xaén, e de volta traiamos aceite para os almacéns. Moitas veces fixen aquela viaxe, case sabía onde estaban os baches na estrada aló por Despeñaperros. Os bidóns para o aceite eran enormes. Lembro unha vez, pasando por Medina del Campo, que me caeron do alto do remolque porque non pasaban polo oco da ponte. Menos mal que non pasou nada, e iso que lle caeron cerca a un home. Eran viaxes longas dun lado a outro de España, en camións coa dirección mecánica, sen freo eléctrico... Ás veces parecía que ía durmindo, pero íase ben, nunca me pasou nada. Era outro país. Cando pasabas polo medio de Villafranca del Bierzo só cabía o camión. Barcelona, Sevilla, Valencia... Pasei por todas partes.

Aí polos 24 ou 25 decidín cambiar e coller un taxi en Carballo. ás veces digo en broma que traballabamos de pirateo, porque lle faciamos a competencia aos trolebuses levando á xente para A Coruña, que daquela ía moita. Ata nos denunciaban. Os troles tardaban hora e pico en chegar, e nós, media. Eu tiña un 1.430, e así pasei tres ou catro anos.

Despois xa fixen outro cambio, e merqueille un microbús a Tito, de Zas. Con el empecei a facer transportes discrecionais, con equipos deportivos, colexios, a construción. Máis tarde compraría outro. Fixen moitas viaxes, non me podía queixar. Levaba a xente da Coruña a Sabón, persoal de oficina, e obreiros, e tamén moitos que construíron a central de Meirama. Creo que vin como se facía dende o primeiro momento. Unha vez, nun mitin por unhas protestas, eu pedín falar, e aproveitei para invitar á xente a que viñeran á festa do San Cristovo de Carballo. Case me mallan. Pero non, porque me levaba moi ben con todos.

Ademais do autobús, que foi co que eu me retirei, tamén ía ás feiras. A miña muller tiña un taller de confección, tecía, e acudiamos a moitos sitios por toda a comarca: Baíñas, Malpica, Baio, Cee... Eu levaba un altavoz na furgoneta, e eu berraba: «Vinde aos xerseis, que son moi baratos, non deixedes morrer aos nenos de frío!».

Millóns de quilómetros

Eu fixen millóns de quilómetros nas estradas, pero o que quería ser era cura. Estiven no Seminario, primeiro no Menor, que daquela en Santiago aínda estaba en San Roque, e non en Balvís. Dous anos, primeiro e segundo de latín, e logo xa pasei a San Martiño, onde botei uns tres anos... Pero como suspendía todo (gustábame moito o baile), xa non seguín en Filosofía nin Teoloxía. O que si que aprobaba ben era música.

A experiencia no Seminario foi boa. Comiamos moita cascarilla, e a min sabíame porque era doce. Iso si, a vida non era doada, nin a comida moita, tiñamos que levar algunha da casa. Eran tempos, en xeral, de fame. Erguiámonos ás 6.30, e ao pouco para a igrexa. Eramos moitos, ata 800 en total, e podo dicir que fixen amizades para toda a vida, ata hoxe. Pero aquilo non era para min. Para ser cura de verdade (para outra cousa, non) hai que ter moita moita vocación.

O que levo facendo de moitos anos atrás é cantar nas misas. Sempre se me deu ben cantar. De feito, o que máis me gusta é cantar e conducir. Tiña unha voz forte e dábaseme ben. Pero nunca pensei en facer nada profesional, porque o meu oído non é moi fino. Gústame o que fago, sen máis, e cando sae ben é toda unha satisfacción. O outro día, unha señora díxome: xa deixei encargado que, cando morra, quero que me veñas cantar ti. Aínda teño algunha fan! E iso que, tal e como fago agora -porque xa cantaba de neno- empecei moi tarde, xa tiña máis de 50 anos. Si que cantaba nos coros, agora xa non, pero non ía ás igrexas como vou agora. Prepareime moito, tamén ensinei a algunha xente, e toco algo, pero o que fago sobre todo é cantar.

DNI

Naceu hai 81 anos en Vilarello, na parroquia de San Paio, en Coristanco, donde aínda ten familia (e algunha propiedade). Leva case toda a súa vida en Carballo, na Gran Vía, pero ten moi presente a súa orixe de Coristanco. Aí xa lle empezou a vocación musical, cantando na misa dende moi novo. A de cura estivo cerca, pero acabou deixando o seminario. O principal traballo estivo sempre ligado á estrada: camión, autobús, taxi... «Teño un lote de profesións», asegura. Ata vendeu ropa polas feiras.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Manolo Cancela: «O que máis me gusta é cantar e conducir»