Pedro Brandariz:«Para os que facemos humor, Carballo é parada obrigada»

FIOT | «Un conto de michos», ou máis ben tres, é a proposta que trae Brandariz para abrir o ciclo Rúa dos Contos, hoxe


O encargado de dar, hoxe, o pistoletazo de saída á Rúa dos Contos e, por ende, ao FIOT, non será outro que o humorista Pedro Brandariz. Asiduo a Carballo, non só no marco do festival teatral, senón tamén co gallo doutras actividades, estará hoxe (18.00) na biblioteca Rego da Balsa con Un conto de michos.

-Con ganas de abrir o FIOT?

-Pois si, é unha honra que o chamen a un para abrir esa marabillosa Rúa dos Contos, que leva xa 21 anos. Mimadriña! Quen contaba? Neste tempo fomos vendo como medraba esta sección paralela, e a verdade é que eu teño a sorte de que ben sexa con contacontos, monólogos ou outros espectáculos, sempre vou recuncando na Rúa dos Contos. Algo marabilloso.

-Cantas veces veu?

-Perdín a conta [ri], quizais no último decenio viría en dez ocasións ou así. Para nós, que facemos teatro e humor, cando temos algo novo sabemos que temos que pasar por Carballo. E Carballo está aí para recibirmos: é xa unha cita obrigada, e bendita cita!

-Nesta ocasión recalará nun lugar ben especial.

-Pois si. Hoxe iremos cun espectáculo para nenos á biblioteca Rego da Balsa, un lugar moi completo. Nos últimos anos estes espazos veñen reinventándose e ofrecendo outro tipo de oferta: non só se vai á biblioteca a coller un libro, senón para outro tipo de actividades.

-E que hai do espectáculo?

-Pois será para nenos e nenos de cero a 99 anos [ri]. Os contos gústannos a todos, así que animo a calquera que lle guste a narración a que se pase por alí, aínda que non teña ningún neno pequeno.

-E se lle gustan os gatos...

-Cita obrigada, daquela! Teño contado contos de igualdade, tradicionais, de medio ambiente... E desta volta chegaron a min diferentes historias de michos, de gatiños, e decidín fialos neste espectáculo, que espero que sexa didáctico, ademais de pasalo ben.

-Que terán os michos para ser tan propensos aos contos?

-Teñen un universo de fantasía e creación, con isto de que teñen sete vidas ou de que caen sempre de pé. Hai moita cultura e ditos asociados aos gatos, e o certo é que é un animal moi curioso.

-Non será alérxico...

-Non! Tíveno ata hai pouco, pero o certo é que agora non teño gato. Teño o cupo de mascotas cuberto con tres cans. E galiñas, claro!

-É vostede asiduo a Carballo tamén a través doutras programacións, como a do Interplay.

-É que Carballo, como é un centro irradiador de cultura, ten citas moi interesantes e novidosas. O FIOT está xa consolidado, pero hai tamén outras iniciativas moi relevantes como é o Interplay, feito por xente moi nova, e onde se coñecen e descobren moitas cousas novas. É unha gozada que pasen este tipo de cousas en Carballo, pois sitúan a vila no mapa e axudan, tamén, á súa promoción económica.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Pedro Brandariz:«Para os que facemos humor, Carballo é parada obrigada»