Errante no meu pobo

Paco Cotelo TERRAE XENTE

CARBALLO MUNICIPIO

21 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dise que cando atopas un amigo-a gañas un mundo a maiores e aparte e, si por riba dá bos consellos, ten por seguro que o ceo non anda lonxe.

Foi Xelucho Abella, quen me aconsellou a Galicia, o galego e os galegos, de Fernando Cabeza Quiles, e foi por el, que descubrín a teoría da Internalización da paisaxe que Rof Carballo expuxera ao dicir : «A paisaxe transfórmase en realidade sentimental estimada, vólvese realidade espiritual, realidade íntima e profunda na vida do home galego, independentemente e anterior a calquera outra contemplación ou valoración».

Ocorreu logo, tras da ensoñación dentro da inmensidade desa realidade descrita, que fun transportado no intre que fun gañado por esa teoría, a un pasado transcorrido no vello Finisterre (autobús) que me transmutaba todas as semanas de carballés en malpicán e viceversa.

Saíra de Carballo cara Malpica ou o revés, mirara pola fiestra do trole cara a dereita ou cara a esquerda, pino a pino, dende o monte ata a canteira, dende a lagoa ata o mar, dende Xoane a Seaia, ou na viravolta dende o Ventorrillo ata o Poniente, prendían e desprendían de min as mañas precisadas para me facer querer ou o contrario, no pobo que me acollía por nacido ou por crianza.

Arrimo tamén, !creo¡ nesas fonduras, a maiores do Monte Neme, dos prados de Xoane, da curva de Cances, da recta e o barro de Buño, dos eucaliptos da Telleira, das amoras de Seixas, do monte de Barizo, da visión do mar de Beo e das Sisargas..., outras dúas realidades espirituais, atrévome a dicir, directamente ligadas coa realidade biolóxica e anímica dos pacientes moradores destas terras; tales eran: a xiada e o nordés.

Antaño reseñas claras de Carballo, no caso da xiada, e de Malpica no caso do nordés; e digo, antaño, por perder ambas influencia (ao igual que sucedeu coa paisaxe) por un aumento desbocado do cemento en ámbolos dous pobos . Dous entes climatolóxicos de sofrido ditamen emocional, que forxan cuña no espírito se te mantés demasiado tempo exposto baixo o seu imperio. Mentres que a primeira, a xiada, no corto pero intenso espazo de tempo que domina (as primeiras luces sen forza de sol) imprime na pel tenacidade, impulso ou desazón; o segundo o nordés normalmente de maior prolongamento e arraigo no tempo, moldea no peito tesón ou ventea inquedanza.

Rescastado na Ponte

Agora, coa familia asentada en Ponteceso, sen o brío da xiada carballeira, nin o arrumbe do nordés malpicán, vivo a carón do río Anllóns que me bañou, purgándome a infancia no bosque de Carballo, co resío do fecundo vendaval (S.W.) encarrilado polo Monte Branco arrumbándome cara Malpica, a carón e amparo da paz dunha mansa ría, camiño do inmenso azul.

Por todo isto, e máis, cando me preguntan ¿de onde es?, sempre contesto: errante, nado en Carballo, de crianza en Malpica e recastado na Ponte, de froito apañado en Galicia.