O pichorro de Cances conquistou a base de entretemento

¡INCLÚE ÁLBUM DE FOTOS! O campionato de debullamento, a danza africana, a música de Perfusión e unha comida que «quitaba o sentido»: as claves do éxito


Carballo / La Voz

Cada ano, dende hai oito, membros da organización da Festa do Pichorro de Cances (Carballo) van mesa por mesa anotando aos atrevidos que queiran participar no campionato de debullamento con mango de fouciño. Adoitaban ser unha maioría masculina, mais este ano, tiveron suficiente respaldo feminino como para facer dúas rondas só con mulleres. Aínda que no seu caso, sen fouciño: espiga contra espiga.

Expertos e non tan expertos amosaron as súas dotes nun labor tan cotiá como é o da separación do gran de millo do cadolo (cañoto, carolo, carozo...). Mesmo houbo un participante que, no canto de debullar as espigas coa parte metálica do fouciño, tratou de facelo co mango. «O que conta é a intención», contaba onte Fran Méndez, membro da organización. Mesmo o speaker bromeou facendo alusión á nova «técnica de debullamento» impulsada polo mozo. Porén, pouco importa gañar ou perder, pois o propio desenvolvemento do torneo é todo un espectáculo para quen o observa.

Comida de escándalo

Arredor de cincocentas persoas quixeron sumarse este ano á XVII Festa do Pichorro de Cances. «Alégranos ver que cada vez vén máis xente nova, e en grupos bastante grandiños, de dez ou doce persoas», narra Méndez. Ademais de veciños e habituais da cita, houbo moito público que quixo probar por vez primeira a experiencia, e mesmo turistas que, aproveitando a súa estancia na comarca, se sumaron a tan peculiar celebración. E é que, con permiso do Encontro-Degustación do Millo Corvo en Bueu, «esta é a única festa que ensalza o millo galego» e, ademais, cun formato de entretemento que cautiva a quen o proba, segundo Méndez. «Perfusión, que foi a actuación final, gustou moito. E tamén a danza africana, que mesmo sacaron a xente do público a improvisar algún movemento», sinalan desde a organización.

Un photocall do máis enxebre, con palla e elementos relativos ao millo, completaron unha oferta de actividades que, de seguro, seguirá medrando de cara a próximas edicións. «Queremos ir incorporando máis cousas, pero sabemos que, chegada unha hora, a xente maior vaise retirando», di Fran Méndez.

Igual de singular que a festa é o propio cartel anunciador, deseñado por un bo amigo dos organizadores, José Ramón Martínez Mato.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O pichorro de Cances conquistou a base de entretemento