Carballo / La Voz

O programa do Verán Cultural carballés chegou este pasado venres ao seu fin co Festival de Música e Baile Tradicional, un peche xa clásico nos últimos anos no que se expón o traballo de formacións locais. Foi unha noite de emocións, non só polo talento visto enriba do escenario, senón tamén pola lembranza a Dosinda Fuentes, falecida hai un mes. Grazas a ela, como dixo Belén Mato, unha das cantareiras de Berdillo, moitas xeracións aprenderon a tocar a pandeireta. Foi quen de transmitir a moitos o seu amor pola música tradicional e tamén un apoio clave aló no 90, cando naceu a agrupación de Cantareiras. Para ela foi dedicado o «Serán de Moscoso», unha das pezas ofrecidas nesta velada intensa que deixou imaxes plenas de colorido, en gran medida da man, precisamente, as asociacións cultural e xuvenil de Arume. Non deixou indiferente a ninguén, por exemplo, a súa «Danza de Entruido de Arcos», nin tampouco «De regueifas polas terras do Xallas». O que fixeron foi un traballo de recollida ímprobo, lucido, remontándose ata o século XVIII, mais tamén un exercicio de artesanía a destacar, posto que parte do que portaban saíu das súas mans.

Danzas gremiais e de voda foron pasando na noite de festival por Carballo. Abriu a Banda Municipal de Gaitas, dirixida por Suso Moreira, quen para a ocasión contou con integrantes da asociación cultural Malante de Malpica. Anda a darlle voltas á idea de irmandar municipios a través da música tradicional e o resultado visto na capital de Bergantiños ben amosa que vai polo bo camiño.

A asociación cultural Nemeth, con pezas como o «Maneo e muiñeira de Cances» ou «Maneo e Muiñeira de Cabaleiros», estivo asemade presente neste encontro, ao igual que a Escola do Alprende, una agrupación de recente creación e vinculada á parroquia de Oza, onde levou a cabo boa parte das súas recolleitas. As foliadas foron para eles terreo de aprendizaxe e, así, a xeito dunha, taberna incluída, ofreceron o venres a súa actuación. Ten explicación a indumentaria, que evoca tempos nos que, para bailar, como á feira, ía cada un co que tiña. Cor negro e panos identifican a esta agrupación.

Presentou María Suárez este emotivo festival, que vén a clausurar dous meses dos mellores concertos: Treixadura, Chicharrón, Sés, Sito Sedes coa Garufa Blue Devils Band ou a orquestra folk SonDeSeu pasaron pola capital de Bergantiños, terras que uns e outros gabaron como fonte e raíz de tradición musical.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Noite de memoria, música e baile tradicional en Carballo