Un concerto «in crescendo» no que Carballo volveu arroupar a Sés

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Convidou a que a forza das labreghas bergantiñás se oíse na comarca do Xallas e, xa no tempo dos bises, sorprendeu con un emblemático Xirarei

04 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Verán Cultural carballés trouxo de volta a María Xosé Silvar, Sés, a Bergantiños. A terra dunha boa parte da súa familia, como lembrou no seu concerto do venres. Como eu canto, un himno «ao amor propio, á miña identidade», foi a peza que escolleu para dedicarlle e lembrar aos avós, á avoa Venera. Seguir a Sés sentado ten o seu aquel, porque é difícil non mover os pés e o corpo, mais as cadeiras da Praza do Concello ficaron cheas e foron moitos os que se achegaron para vibrar con ela tamén de pé. Aqueles que tiñan presenciado outros concertos viron un arranque máis pausado na artista, mais axiña queceu cando falou de Moncho Reboiras e ofreceu Semente de vencer.

Mobilizou ao público ao dedicarlles, só a aqueles que bailaban, unha canción que levou a moitos ata diante do escenario. Non sairían de alí xa no que quedaba de noite, arrolando as palabras da cantareira cando falou dos presos políticos antes da súa Milonga de aquí. Convidou a que a forza das labreghas bergantiñás se oíse na comarca do Xallas e, xa no tempo dos bises, sorprendeu con un emblemático Xirarei que todos sabían e coas reivindicativas Tempestades de sal.