Xosé Antonio Andrade Figueiras: «No libro inclúense moitas variantes propias da comarca de Bergantiños»

lorena rey / p. B. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

O escritor coristanqués acaba de publicar o seu cuarto libro, «Nas cortinas do tempo»

24 jul 2019 . Actualizado a las 21:40 h.

Xosé Antonio Andrade Figueiras é natural de Coristanco: nado en Seavia no 1957, concretamente. Cursou o antigo bacharelano na Academia Leus de Carballo a principios dos anos setenta e posteriormente licenciouse en Dereito. Ademais, é membro do Instituto de Estudos Bergantiñáns e do Club de Oratoria e Comunicación Toast Masters International. Neste 2019 no que vén de estrearse como concelleiro do BNG na corporación coristanquesa, ten tamén unha novidade literaria, Nas cortinas do vento. É súa segunda obra da colección Costa da Morte, de Edicións Embora, que fora iniciada con Reválida de Sexto, no 2015. Os seus dous libros restantes son Seavia é nome de parroquia, publicado no 2007, e Querida Paula, no 2012. Ten colaborado asemade noutras publicacións, e con medios de comunicación, ademais de inaugurar recentemente a exposición Eu tamén debuxaba, na galería Garabato. Outra faceta máis do autor, pois.

Segundo conta, a idea de escribir Nas cortinas do vento -foi a obra máis demandada na recente Praza dos Libros de Carballo- xurdiu en base a moito esforzo e traballo realizado ao longo de anos atrás. Algúns dos artigos nos que se divide a obra xa foran publicados nos últimos tempos en La Voz de Carballo, e outros, en revistas de medio ambiente. Un pequeno número dos capítulos son inéditos. «Tíñao fácil. Só tiven que facer a escolma», afirma Xosé Antonio Andrade.  

O coristanqués explica que «sempre houbo grandes avogados e escritores que compaxinaron ambas cousas». Engade: «Como avogado precísanse mínimas dotes de persuasión e capacidade para emocionar».

O libro divídese en 36 escritos de composición moi heteroxénea: dende artigos de opinión ou base xurídica ata algúns máis literarios. Do mesmo xeito, a temática é moi ampla: a preocupación polo medio ambiente, a «obsesión» pola protección paisaxística, as súas vivencias persoais ou o drama da emigración. Segundo o contido de cada un dos artigos utiliza un estilo ou outro, empregando a ironía ou un carácter máis directo.

O título da obra, Nas cortinas do tempo, foi decisión de Xosé Manuel Varela, asesor literario e director da colección Costa da Morte. «O título reflicte unha secuencia temporal ao longo dunha época», explica o autor. A elaboración do exemplar non precisou de moito tempo. Ao tratarse de material que xa tiña composto, simplemente tivo que facer unha revisión do conxunto. O máis laborioso e onde atopou as maiores dificultades foi no momento de «seleccionar cada unha das fotos que acompañaría a cada relato», afirma. O escritor tampouco esquece as posteriores e longas horas de traballo coa editorial.

As 36 fotografías que acompañan a cada historia foron realizadas polo propio autor, excepto unha delas. Ademais, algúns dos relatos van precedidos de versos de poetas coñecidos «a modo de introdución ou como punto de vista estético», explica Andrade. O libro non vai dirixido a unha franxa de idade concreta, manifesta, aínda que precisa que «non é un libro para nenos e adolescentes, pero algún artigo si pode interesar á xente nova». O coristanqués destaca da obra que «está escrita nunha linguaxe moi accesible e inclúense moitas variantes propias da comarca de Bergantiños, polo que moitos se poderán identificar co mesmo».

Ademais de ter moito éxito nas librarías da Praza carballesa, tamén Andrade presentou a obra con moi boa acollida: estivo acompañado por Xosé Manuel Varela e Santiago Pazos, sociólogo e autor do prólogo. «Sorprendeume moito a cantidade de xente que había», manifesta satisfeito de ambas cousas o escritor.