A valentía de Xosé Antonio Andrade Figueiras

Xosé Pumar Gándara TRIBUNA ABERTA

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Escribe o sacerdote Xosé Pumar Gándara sobre o autor coristanqués, que vén de de publicar «Nas cortinas do tempo»

23 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Praza dos Libros, en Carballo, é unha chuvia maina, anual, que fecunda de cultura a terra bergantiñá.

Autores hai que fan estrea da súa vocación literaria. Outros, xa veteranos, confirman a súa valía xa amosada en obras anteriores. Este é o caso de Xosé Antonio Andrade.

Coñecino hai anos, cando da súa man aparecían na prensa ideas sobre asuntos propios da mocidade, idade que el estaba vivindo. Eran textos en castelán que poñían de manifesto a madureza e reflexión do autor.

Agora Andrade nun galego terso, nidio. Como nado en Seavia, non precisou converterse á nosa lingua, como tantos, agora, aproveitados, pois Seavia é unha «academia» de galeguidade, tanto no vocabulario como na fraseoloxía. Moito se está a perder deste noso patrimonio.

Na pasada campaña para as eleccións municipais, Andrade Figueiras aportou unha proposta insólita: animar ao pobo á lectura. Velaí o camiño da cultura, da liberdade. Un don que hai que exercer co entendemento ben informado.

Ademais da súa profesión de letrado, Xosé Antonio Andrade é membro do Instituto de Estudos Bergantiñáns. Tempos virán nos que, en Bergantiños, falarán da «xeración do Instituto de Estudos Bergantiñáns». Polo moito que leven escrito, promocionado, visitado, por estas terras, os competentes membros da devandita entidade.

Os ventos da vida leváronme a terras de Rosalía, e despois ás de Pondal. Como un emigrante galego, alí tornei e de aló vin outra vez. Agora, no solpor dos meus días, teño que acougar.

Mais, no Himno de Seavia, que Andrade cita varias veces, hai unha profecía que anticipaba ese meu peregrinar errante. Curros Enríquez, no seu poema Unha noite na eira do trigo (tamén cántiga), escribe dun emigrante que vai embarcado: «E ó mirar as xentís anduriñas / cara a terra que deixa cruzar / quen puidera dar volta pensaba / quen puidera convosco voar».

Pois ben. O Himno de Seavia tamén acolle a realidade penosa do emigrante seaviense. E así canta: «Cara a igrexa de Seavia / aquela terra bicade / porque é terra de saudade / anduriñas voade, voade».

Moitos parabéns a Xosé Antonio Andrade Figueiras. Que siga coa regalía dos seus artigos. Tan cultos, tan paisanos, intelixibles para os afortunados que vivimos neste val de Deus, que é Bergantiños.

Xosé Pumar Gándara é sacerdote e divulgador.