
A REMOLLO | O verán do artista carballés máis internacional, Manuel Facal, é para traballar, manter contacto social e descubrir espazos, segundo conta
21 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Numerosos museos do mundo teñen dado e dan cabida ao talento do artista Manuel Facal Ponte (1943). Pintor, gravador, escultor... el é dos carballeses máis internacionais, se non o que máis. O tempo de verán trae asociado, no seu caso, un retorno á casa, ao fogar: dende os últimos días das festas de San Xoán anda pola capital de Bergantiños, onde conta botar uns dous meses, ata setembro. Ese expresionismo do que ten falado na súa obra mesmo tamén se lle aplica á palabra.
-Segue tendo a súa base en Málaga o resto do ano?
-Si, de momento non cambiou. Gustaríame mudar, pero temo que non: aínda non atopei o sitio.
-Pero volver sempre volve.
-Si, iso si. Estou acostumado a vir ao final das festas, para os últimos días, pero non a todos. Hai moito ruído diante da casa [ri].
-É un refuxio o estudo?
-Éo, e dese xeito tamén traballo aquí un pouco. Ultimamente un pouco menos, pero sempre me interesa traballar: non podo estar de vacacións todo o tempo.
-Algún proxecto novo?
-Ando moi relaxado, facendo algo de obra, mais non con moita intensidade. Doulle continuidade a estas pinturas cosidas, a miña obra dos últimos tempos.
-E exposicións?
-Estou pendente de algo, pero de momento nada.
-Algo para Carballo?
-Algo hai, pero non podo comentalo [ri].
-Sempre din de vostede que é dos poucos carballeses vivos, se non o único, que ten unha rúa co seu nome. Como leva iso? Supón algunha responsabilidade?
-¡Nada! Un accidente... [ri]
-Que o entretén en Carballo, a parte de traballar?
-Andei visitando estes días un lugar cuns muíños que o Concello acaba de limpar por Lema. Un lugar interesante: sempre ando buscando así espazos para logo ensinar á xente que vén por aquí. Hai sitios descoñecidos.
-Ou sexa, que vostede tamén exerce de anfitrión.
-Si, si, claro. A desculpa tanto é amosar as cousas como volver velas de novo.
-Ve a vila cambiada cada vez que volve? Falo dende o punto de vista dos ollos dun artista. A estética avanza, retrocede?
-Vaise cara diante, dende logo, pero un sempre é crítico con todo o entorno. Sempre hai cousas que continúan sen modificarse. Evolución hai, pero gustaríame que fose aínda máis.
-Xa tiña falado da súa percepción dos proxectos «Derrubando muros con pintura» e «Rexenera Fest». A idea de base gústalle.
-É moi interesante: o único que boto en falta é que se vaia máis alá de murais de pintura. Murais arquitectónicos, con máis volume, menos planos. Gustaríame que fosen máis escultóricos. Logo está o tema da calidade: hai uns que son moito máis interesantes ca outros, como en todo.
-E as súas esculturas en Carballo aí seguen, en pé. Que pensa cando pasa por elas? Cambiaría algo do que fixo?
-Non, igual o único o tema do céspede. Logo unha, que tiña que ter unha fonte, quedou sen auga, pero supoño que iso non se podo modificar.
-¿Que o move a traballar? De que nutre a inspiración?
-O traballo é imprescindible. Darlle continuidade. Non me plantexo nin un retiro nin unha xubilación: para min é impensable. É fundamental ter mobilidade na mente para estar constante: se non, paralízase.

-Non hai moito tivo expostas obras no CGAC. Puido achegarse?
-Si, tiven unhas tres veces obras en exposicións colectivas do CGAC. É importante porque é obra que está alí, que se pode ver, visitar. Tamén en Carballo está habendo unha exposición actualmente, na Galería Manolo Eirín, con algunha peza miña e doutra xente. Costa da Morte, Costa da Vida chámase a mostra. É un proxecto sumamente interesante en Carballo: a ver se se lle dá continuidade.
-O sector da arte sempre foi complicado.
-Si, foino e serao. A arte é de minorías, un pouco elitista.
-Quéndanlle lugares por querer expoñer? Algunha espiña?
-¡Moitos! [ri].
-Ten en Alfonso Costa un bo amigo. Aproveita o paso pola comarca para ir ata Barbanza?
-Esta tarde mesmo [venres] marcho para alí, para contactar con xente moi interesante en termos de arte. Atraéme.
Máis de preto
Que o ocupa máis nestes dous meses na Costa da Morte? Sobre todo, a visita de espazos naturais. Para min é fundamental. Estou moito por Razo porque teño alí unha casa. Gústame ver o mar, facer excursións.
Algún recuncho preferido? Diría que o propio mar. E a paisaxe. Perderse nas corredoiras e nos lugares de interior, para inspirarse.
Cadroulle a estancia coa Praza dos Libros. Mercou algún? Ten algún pendente para este verán? Non demasiados, a verdade. Merquei na feira «O paraíso perdido», de Jonh Milton.
Volver a Carballo é volver á familia, ás comidas con sobremesa... Gústalle ou é algo do que foxe? Para nada escapo: aprécioo, porque o resto do ano non o fago. Son dous meses nos que aproveito para ter ese contacto social e familiar.
Hai quen hoxe en día lle dá á gastronomía un cariz de arte. Éo para vostede? Ten algunha predilección cando volve? Para min, o comer, non é tan importante [ri]. Entendo que é necesario para sobrevivir, pero non me importaría nada pasar sen facelo, aínda que disfruto comendo, por suposto. Non fago un arte da cociña.
É dos que se move entre os fogóns? Teño que cociñar, si, de vez en cando, pero non é algo que me fascine.
É a televisión? Que papel xoga con respecto á arte? Vostede ve algo nela que lle atraia? Practicamente nada. É bastante lixo, dedicado á arte non hai case nada. Non me gusta a estética da televisión. Si que ando un pouco por Internet, buscando.