«''A guerra da Galia' é un texto referente para quen estuda a historia da guerra»

f. rodríguez / n. guillermo / p. b. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ENTREVISTA | Alfonso Blanco Quintela | O carballés estará hoxe acompañado por Pepe Carballude: libraría Brañas Verdes, 20.00 horas

19 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

 Hoxe • A libraría Brañas Verdes de Carballo acollerá esta tarde (20.00 horas) a presentación de «A guerra da Galia», unha tradución da obra de Xulio César feita por Alfonso Blanco Quintela, de orixe carballés. Así falou onte en Radio Voz:

 -Falaremos de historia.

-Si, imos falar de varias historias. Da de Roma, porque «A guerra da Galia» é un relato dunha campaña militar levada a cabo por Xulio César, e tamén da persoal miña e de Pepe Carballude. Vai estar comigo na presentación porque foi profesor meu de latín en Carballo, e foi o primeiro que me puxo en contacto, obrigatoriamente claro, con este texto.

-Diriamos que foi o seu mentor?

-Si, claro. Cando me tocou estudar BUP, latín estaba na opción de letras, e todo o mundo sabía que o daba Carballude. Comentaban que era moi difícil aprobar con el, pero a cousa foi ben. De feito, a miña relación co latín comezou aí (...). Despois, á hora de escoller a carreira para estudar, el foi quen me aconsellou que estudase filoloxía clásica. O acto vai ser unha especie de peche de círculo.

-Son «raras avis» os que estudan filoloxía clásica?

-Agora, coa reconversión nos últimos anos dos graos, non sei canta xente empeza a titulación en Santiago, que é a única das tres universidades galegas que a ten, pero se digo que son 4 ou 5 en primeiro do grao non me paso seguro. Na miña época era un pouco diferente, eramos 32. Sempre dicimos entre nós que podes ir de intérprete ao Vaticano, porque moito máis non podes facer. Cando estudamos era unha carreira moi vocacional, xa que non se enfocaba para nada máis que para á docencia practicamente, e meterse en algo como estudar en profundidade a lingua e literatura de Grecia e de Roma nun tempo tan tecnolóxico e científico coma o de hoxe pode parecer un suicidio. Mais ten que haber de todo.

-Por que decidiu traducir desde o latín este libro?

-Tanto no sistema educativo español coma no francés, do cal o español é bebedor desde mediados do século XIX, era un libro fundamental. Era co que aprendías a traducir latín. Os profesores consideraban que tiña unha estrutura bastante repetitiva que che axuda a ir aprendendo. O primeiro texto co que te poñías a traducir latín de verdade era este, e como eu tamén pasei por el...

-Napoleón levaba este libro debaixo do brazo, pero non era o único.

-É un texto presente incluso nas academias militares. É unha referencia para quen estuda a historia da guerra. Creo que é dos poucos casos nos que temos un relato dunha campaña militar escrita polo xeneral que a dirixiu. Cando falas de ti mesmo, embelecerás o que non saíu moi ben e intentarás glorificar aquilo que che saíu mellor. Pero glorificalo con disimulo. Unha das cousas nas que destaca César é esa. El non fala de si mesmo en primeira persoa, senón en terceira.