«Vanse pasando a pelota, pero Monte Neme segue igual»

F.R. / T.?L. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

18 jul 2019 . Actualizado a las 09:10 h.

É unha das voces autorizadas para falar de Monte Neme. Adrián Eirís ten 37 anos, reside en Carballo e é o coordinador e voceiro da Plataforma pola Defensa do Monte Neme. E onte falou da polémica suscitada por varios instagramers en Radio Voz Bergantiños.

-Toda a vida falándose de Monte Neme e agora ponse de moda grazas a Instagram.

-A nosa visión de Monte Neme é moi diferente á existente. Hai unha parte patrimonial e medioambiental que hai que coidar e protexer. O problema é que se persiste en que continúen así as cousas.

-Concellos, Xunta... Todos din que hai que facer algo, pero ninguén parece coller o touro polos cornos.

-É unha situación burocrática complicada. Vanse pasando a pelota uns aos outros, pero Monte Neme segue igual. Nós estamos investigando o estado real do entorno dende o punto de vista legal e xurídico.

-Cal é a súa percepción?

-É complicado porque se trata dun proceso xudicial complexo porque os últimos donos que xestionaron o xacemento non parecen responder [dende o punto de vista patrimonial]. Tamén hai un seguro e está o papel da Xunta como responsable civil subsidiario. A Xunta considera que os propietarios lexítimos onde se atopa a antiga mina e canteira son os que teñen que responder se sucede algo en Monte Neme, pero nós cremos que o responsable último é a Xunta como responsable civil subsidiario.

-É unha mágoa que se fale de Monte Neme polas balsas, cando é un entorno cun rico patrimonio.

-Ten unha situación privilexiada, preto do mar, dende podes ver o litoral de Carballo e a comarca de Bergantiños. Tamén ten toda unha historia vinculada ao wolframio e non falo só dos nazis, senón de Carballo como cidade, que pasou dus poucos miles de habitantes a máis de dez mil en pouco tempo. E logo está que Monte Neme ten un rico patrimonio arqueolóxico e inmaterial como a Eira das Meigas e todo o que ten que ver coas lendas das meigas.