Treixadura, no Festifolk: «Loitades por unha cultura na que nós tamén cremos»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Máxica noite de tradición en Carballo, unha das máis concorridas das últimas edicións

15 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Treixadura agasallou o sábado en Carballo cunha das mellores noites de Festifolk que se lembran. Unha das máis concorridas e vividas. Avanzara Xaquín Xesteira o seu desexo de que o público formase parte do concerto e, dende logo, o que ateigou a Praza carballesa, coas idades máis diversas, non defraudou. Dende a primeira peza ata a última, cando xa pasaba ben da media noite, soaron as palmas, acompañaron as voces, prolongáronse os aplausos e escoitáronse os «Bravos!». Pode que fose cousa da canción, ou non, pero cando o Orfeón Treixadura cantaba aquilo de Clarea, lúa, clarea a luz dunha noite de xullo facíase forte na capital de Bergantiños. Xa o dixo o virtuoso acordeonista César Longa rindo: «Logo din que aquí no norte... ¡Pois nas Rías Baixas está caendo unha...!».

BASILIO BELLO

«Para nós hoxe é un día emotivo, un día de reencontro con xente que hai anos que non viamos. Estamos honradísimos de participar no Festifolk, unha festa que lle dá valor aos gaiteiros e á nosa música», continuou el. Foi o de Treixadura un concerto no que o disco máis recente, Inda Canto, estivo presente, con temas tan emblemáticos como O Carro («levabamos moito tempo querendo versionar a maxia das palabras de Manuel María»), pero tamén outros máis antigos, dos 90, cando o grupo o compoñían só «cinco gaiteiros atrevidos que subían aos escenarios». Foi por iso que estas pezas de memoria llas dedicou o grupo ás formacións que desfilaron pola tarde: «Loitades día a día por unha cultura na que nós tamén cremos». Logo da Foliada de Suevos veu tempo para o baile («Bailadoras! Bailadores! Vai unha muiñeira!») e para cancións tan emblemáticas como Se chove, xa da época do Orfeón e do disco que tanto significou, Unha noite non é nada.

BASILIO BELLO

Caraveliños e Teño unha galiña branca queceron a noite e enfiaron a recta final para as dúas últimas pezas na compaña do Coro Aires de Bergantiños: a Muiñeira de Santo Amaro («Señor cura, Señor cura...») e Fisterra («Eu tamén choro...»). Nesta última, o público foi quen de cantar a capela, só. Rematou a xente de pé, sumándose así ao desexo de Treixadura: «Longa vida ao Festifolk». Concello, La Voz e Fundación Luís Calvo Sanz colaboraron nesta nova mostra de poder gaiteiro.