«Ser gaiteiro é unha forma de vivir, de estar no mundo»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Carballo acolleu unha nova exaltación do son da terra | Festifolk 2019

14 jul 2019 . Actualizado a las 21:31 h.

«Ser gaiteiro é unha forma de vivir, de estar no mundo; pero tamén implica unha enorme responsabilidade. A gaita existe en moitas culturas, pero como a nosa non hai ningunha. Longa vida á gaita e á música galega!». Este era o alegado de Paulo Nogueira, integrante de Treixadura, ao recibir de mans do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o recoñecemento de Gaiteiro de Honra do Festifolk 2019, que tamén recolleron os seus compañeiros Magoia Bodega e Xaquín Xesteira. «Facémolo extensible a tódolos membros do grupo», aseveraba Nogueira.

Foi un dos momentos máis especiais do Festifolk, como cada ano, mais non o único. A interpretación conxunta da Marcha do Antigo Reino de Galicia, a saída e entrada das agrupacións da praza... Este encontro de gaiteiros ten algo do que ningún outro festival pode presumir: un sentimento de unión, de pertenza e de raíz que asolaga todo Carballo. Durante esas dúas horas de Festifolk todos estamos feitos da mesma pasta, abonda con escoitar os primeiros sopridos dese característico son de gaita para que unhas cóxegas percorran o lombo: «Que a música galega sirva para abrir portas, e non para pechar ciclos», reflexionaba, non falto de razón, o rexedor carballés.

Internacional

Ataviados cunhas peculiares vestimentas, os coruñeses Pan Sen Fron (Pandeireteiras Sen Fronteiros) foron os encargados de servir o aperitivo antes do gran desfile de gaiteiros. Dende a carpa central da Praza dos Libros, e soportando unha temperatura non moi propicia para vestir con gusto os traxes tradicionais, puxeron a bailar a quen ata alí se achegou. «Facemos moitas viaxes por aí», dicía unha das compoñentes nun momento de descanso, «e sempre con estes traxes. Temos prohibido levar esa roupa globalizada que levades vós. Imaxinade como nos miran!». Risas a esgalla nun concerto no que conviviron temas galegos con outros de Bulgaria, traxes tradicionais con pantuflas, zapatillas de fútbol con botes de pimentón a granel... Non se lles pode negar a orixinalidade.

Foron os compoñentes de Arume de Verdillo os encargados de iniciar o desfile, seguidos por O Son do Castro (Borneiro, Cabana), Inllar do Couto (Ponteceso), Adro de Baio, Trubisquiña (Vimianzo), Churía (Zas) e, por último, a Banda Municipal de Gaitas de Carballo. Percorreron diferentes rúas do casco urbano ata chegar á Colón, onde un nutrido número de persoas agardaron ás agrupacións para, entre aplausos, recibilos de novo no seu desfile cara á Praza do Concello. Mención aparte merecen os membros de Pan Sen Fron que, unha vez finalizada a súa actuación e mentres gozaban dunha boa merenda, acompañaron coas súas voces a varios dos grupos.

«Que bonito ver a todo o público en pé recibindo a estes gaiteiros», dicía o locutor de RadioVoz e condutor do acto, Fran Rodríguez, antes de proceder á entrega dos premios Gaiteiros de Honra. «Grazas un ano máis, e xa van cinco, por encher de ledicia e de música as rúas de Carballo. Sodes os herdeiros da herdanza cultural de Galicia. Cando unha gaita toca parece facer latexar o corazón de Galicia. Noraboa!», comentaba, pola súa banda, o delegado de La Voz de Carballo, Xosé Ameixeiras, que, xunto con RadioVoz e o Concello de Carballo, e co patrocinio do Grupo Calvo, se encargaron da organización da cita.

Longa vida á música galega!