Suso Moreira: «A música tradicional está en auxe: hai moita demanda»

A Banda Municipal de Gaitas de Carballo tamén acudirá á chamada da gran festa dos gaiteiros, facendo pleno no Festifolk. Fala o director, Suso Moreira


A Banda Municipal de Gaitas de Carballo segue fiel á súa cita co Festifolk e mañá asinará a súa quinta participación neste festival que a miúdo calificaron como un dos mellores encontros de gaiteiros da comarca. «É unha cita para todos, non só para o público que se achegue a vernos. Entre gaiteiros coñecémonos ben [ri], así que o Festifolk é unha magnífica ocasión para encontrarnos nós tamén», contaba Suso Moreira (Mens, 1975), director da banda, en RadioVoz Bergantiños.

Uns dez gaiteiros da banda participarán mañá no desfile programado polas rúas de Carballo. «Algúns dos nosos músicos están tamén inscritos noutras agrupacións, como Arume de Berdillo, co cal témonos que repartir», comenta Suso, que aínda onte estaba rematando de valorar con que peza iniciarían a marcha. «Iremos mudando o repertorio segundo avanza o percorrido», puntualiza.

A banda segue acumulando participacións nun festival no que, din, «sempre procuramos estar». Polo de agora levan un pleno, e todo parece indicar que seguirán polo mesmo camiño, e con máis folgos ca nunca posto que, segundo Moreira, «a música tradicional está en auxe. Hai moita demanda, pero tamén moita xente nas aulas querendo aprender», expresa o director, para quen o son da gaita é a ligazón cos ancestros. «É o noso instrumento, o instrumento que facía bailar aos nosos avós cando non había orquestras, nin radios. Iso é algo que nos quedou dentro», di Moreira. Mañá, será un máis na gran festa dos gaiteiros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Suso Moreira: «A música tradicional está en auxe: hai moita demanda»