«Precisamos máis ca nunca do encontro cos libros»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

PRAZA DOS LIBROS | María Reimóndez abriu co seu reivindicativo pregón catro xornadas de actos en Carballo

12 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Contra o sistema literario hexemónico, contra os discursos escritos tan só dende unha parte, contra o dominio do capital ou contra as novas falsas e as medias verdades nun día a día veloz chamou a escritora e activista María Reimóndez a rebelarse dende Carballo, dende a Praza dos Libros que deu por inaugurada co seu pregón.

Á segunda foi a vencida, en tanto que, malia ser ben ordenada, presentouse na vila un día antes do previsto. Así que onte tivo que volver, sentíndose honrada pola escolla e cualificando os libros de espazo de confluencia, como o é Carballo de mar e terra. A literatura galega, dixo, garda historias creativas, potentes, a base de palabras empregadas a xeito de sacho para mudar a realidade, de ponte entre os que viñeron antes e os que virán. Todo iso, en galego: «Se hai algunha esperanza para o planeta, parte daquelas persoas que falan linguas como o galego, achegadas ao territorio», asegurou Reimóndez.

ANA GARCIA

«En momentos de desencontro, na literatura galega atopamos unha alternativa vizosa na que acollernos e acoller», afirmou ante autoridades e asistentes, nunha carpa plena de vida situada en pleno epicentro do mercado de xoves e animada pola Banda de Gaitas de Carballo: «Precisamos máis ca nunca o encontro cos libros (...), son remanso de paz (...), espazo para darlle voz aos que non a teñen, ás mulleres que fomos expulsadas do discurso», expuxo a pregoeira.

Contou que a literatura ten o poder de transformar «as caricaturas machistas», o poder de conceder a palabra para contar a outra cara da historia. No seu discurso, reivindicativo, coidou que a literatura precisa dun espazo, dunha praza na que ser compartida: «Os libros en galego aparecen pouco no espazo público, carecen de apoio institucional que os saquen da parte de atrás das librerías». Do outro lado activistas, lectoras, clubes de lectura: «Sen a capacidade de fabular teremos perdido o hoxe e o mañá».

Catorce edicións van xa de Praza dos Libros, como lembrou o edil Marcos Trigo. Unha «marca propia» con datas elixidas polos libreiros, sinalou o alcalde, Evencio Ferrero. Por diante quedan outros tres días intensos en actividades e ben aptos para mercar en calquera dos postos algunha obra co 10 % de desconto e con opción a levar algún agasallo. A «gozar da lectura e da lectura en galego de calidade» convidaron un e outro, agradecendo a todos cantos fan posible esta «feliz realidade», como é o caso da Fundación Luís Calvo.

ANA GARCIA

O programa de hoxe

Pasaron onte por Carballo Anxo Moure, Servando Barreiro, Magín Blanco, María Canosa, Concha Blanco ou Daniel Asorey. Hoxe, ademais da venda de obras de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00:

  • 12.00. «Cociñando con bolboretas». Sesión infantil. Presentación do libro «Cociñando con bolboretas no bandullo» de Diana Fernández e David Díaz. Obradoiros «Non podo vivir sen voar».
  • 18.30. Xoán Curiel e a banda do verán. Infantil. Concerto-presentación de «Canta miña pedra, canta» e «A casa do terror».
  • 20.00. Ledicia Costas. A autora presenta «Infamia». Acompáñaa Rosalía Fernández Rial.
  • 21.00. Unha historia da música en Galicia. Presenta obra Fernando Fernández Rego. Acompaña Francisco Castro. Intro musical con Juanjo Vales e Andrés Rey.