A gran Praza dos Libros abre en Carballo: ¡mira o programa de hoxe!

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Oscar Vázquez

Cita asentada no verán da localidade, esta feira literaria bota a andar oficialmente co pregón de María Reimóndez

11 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Catro días de creatividade cultural agardan en Carballo, onde bota a andar hoxe unha nova edición da Praza dos Libros, aberta ata o domingo e na cal terán postos Á lus do candil (Arteixo), Brañas Verdes (Carballo), Ler (Carballo), Trasgo (Carballo), Teldy (Carballo), Punto e Coma (Carballo), Lila de Lilith (Santiago), Bibliotecas de Carballo, Demo e Photic, estas dúas últimas editoriais.

Dende as 11.00 haberá actividade, coincidindo con xoves de feira. Durante toda a mañá, aqueles que merquen libros -teñen un 10 % de desconto na Praza- recibirán de regalo unha lata de atún Calvo. Esta, e mais o pasacalles infantil a cargo de Anxo Moure sobre o libro «A música da auga», será unha boa forma de ir agardando polo pregón inaugural, previsto para as 12.30 horas e este ano a cargo de María Reimóndez. A actuación da Banda de Gaitas de Carballo daralle aínda maior solemnidade.

Xa pola tarde, ás 18.30, Magín Blanco ofrecerá un concerto-presentación do seu libro disco «A nena e o grilo de máis aló» (Galaxia). Noventa minutos despois, ás 20.00, falarán as autoras ceenses María Canosa e Concha Blanco sobre as súas obras «Caderno de lúas» (Bululú) e «Macedonia de versos» (Aira): modera o xornalista Santiago Garrido. A última intervención da tarde, presentada polo xornalista carballés Manuel Rey, será a de Daniel Asorey, o autor de «As mulleres da fin do mundo» (Xerais). En definitiva, moitos motivos para achegarse ata a Praza carballesa neste xoves: e mañá, máis.