«Máis alá do resultado, esta final é un feito importante»

fran rodríguez / melissa r. s. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

El entrenador del Bergantiños femenino, Gueli Cotelo, habla sobre la final histórica de la Copa da Costa que disputará su equipo

21 jun 2019 . Actualizado a las 19:33 h.

A que será a primeira final feminina da Copa da Costa enfrontará ao Bergantiños e As Miúdas este domingo, ás 11.30 horas, no campo de fútbol O Conco, de Dumbría. O adestrador das carballesas, Gueli Cotelo, falou sobre este partido, que será histórico, para os micrófonos de Radio Voz Bergantiños.

-É consciente de que pase o que pase no partido, polo só feito de disputarse, pasará á historia do fútbol da Costa?

-Para nós é un orgullo formar parte desta primeira final feminina, e sabemos que máis alá do resultado é un feito importante para o fútbol feminino e, sobre todo, para o da zona.

-Ten máis presión por ese motivo?

-Xa son moitos anos nisto [ri]. O que si, as rapazas están moi motivadas, teñen moitas ganas de que chegue o día.

-Entre outras cousas, porque despois poderán descansar por fin, non?

-A tempada estase facendo larga, pero o feito de que vaia rematar desta maneira xa o cambia todo.

-Están a facer un bo traballo en Carballo co fútbol feminino. Neste sentido, vense como un club referente na zona?

-Fomos dos primeiros que nos atrevemos a dar o paso. Cando xurdiu a idea, parecía unha loucura. Pensabamos que duraría pouco tempo. E ao final, dende hai tres anos aquí estamos, xunto con As Miúdas. Outros como o Paiosaco, o Mazaricos e o Cee parece que se están animando de cara a próxima tempada. Como sempre digo, estamos crecendo e dándolle a importancia que ten ao fútbol feminino. Sobre todo, animando a estas nenas que están empezando. A nós cada día aínda nos chaman outras interesándose. Agora estamos con xornadas de portas abertas en As Eiroas e, dende aquí, animo a que todas as que queiran se acheguen a probar.

-Favorece a creación de equipos integramente femininos a que as rapazas se animen a dar o paso de xogar ao fútbol?

-Totalmente. Dunhas 70 licencias femininas que temos nós entre o Bergantiños e as Escolas Luís Calvo, son todas nenas que querían xogar ao fútbol e que conformaban esa demanda para crear equipos femininos. Aos 12-13 anos, cando hai máis diferenzas físicas entre nenos e nenas, é cando a estas últimas máis lle apetece xogar con rapazas.

-Volvendo á final. Vense como favoritas?

-Penso que nunha final a partido único non hai ningún favorito. Pero si que é certo que nós chegamos un pouco xustas de efectivas porque Lucía Canosa e Laura Torrado van ser baixas seguras por uns viaxes que xa tiñan planeados hai tempo, e outras como a capitá Laura Seoane ou Tamy aínda comezaron a adestrar a pasada semana debido a sendas lesións.