A corporación de Carballo, xa organizada para o novo mandato

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana Garcia

Uns 25 minutos abondaron para o primeiro pleno deste 2019/2023: así foron as votacións

20 jun 2019 . Actualizado a las 23:57 h.

Non foi precisa nin media hora para que a corporación carballesa se puxese a andar esta tarde de xoves 20 de xuño co primeiro pleno do novo mandato 2019/2023, sendo, pois, o organizativo. Os distintos puntos na orde do día quedaron como segue: 

1. Constitución dos grupos políticos municipais. Os catro grupos municipais quedaron constituídos segundo a seguinte distribución: BNG, 12 concelleiros/as (voceiro titular: Xosé Regueira); PP, 4 (voceita titular: Paula Nogueira); PSOE, 3 (voceira titular, María Carmen Vila); e TeGa, 2 (voceiro titular, Andrés Eirís). 

2. Perioricidade das sesións ordinarias do pleno. Os plenos celebraranse o último luns de cada mes agás o de agosto, no que se trasladará ao primeiro luns de setembro. Se fose inhábil, sería o primeiro día inhábil seguinte. Aprobado por unanimidade. 

3. Comisións informativas permanentes e outros órganos colexiados de estudo e proposta. Haberá tres comisións informativas: Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación; Planificación Urbana e Mobilidade, e Benestar e Participación Social. Cada unha delas contará con 6 representantes do BNG, 2 do PP, 2 do PSOE e 1 de TeGa, «intentando aproximarnos o máximo posible ao criterio de proporcionalidade que establece a lei», explicou Evencio Ferrero. Tamén funcionará como órgano consultivo unha Comisión Especial de Seguridade, presidida polo alcalde, que contará cun representante de cada partido. Así mesmo, crearase a Xunta de Portavoces. Cos votos a favor de BNG, PSOE e PP (19), houbo dúas abstecións (as de TeGA, considerando que non era o reparto máis adecuado). 

4. Representantes da Corporación en órganos colexiados. Son un total de 25, incluíndo os consellos escolares, o Fondo Galego de Cooperación ou o Eixo Atlántico. Abstención de TeGa e PSOE (5 en total) e 16 votos a favor (12 do BNG e 4 do PP).

5. Réxime de retribucións e indemnizacións dos membros da corporación: por asistencia a plenos, 100€ (50€ máis para os/as voceiros/as); por asistencia á Xunta de Goberno Local, 100€; por asistencia a comisión informativas, 90€ (60€ máis para as presidentas). Estas indemnizacións só as percibirán os membros da corporación sen dedicación exclusiva, é dicir, «todos os da oposición e os do goberno que non teñen dedicación», aclarou o alcalde. Houbo 16 votos a favor (BNG e PP) e 5 abstencións (PSOE e TeGa). 

6. Cargos da corporación en réxime de dedicacións exclusivas e retribucións. Terán dedicación exclusiva ao Concello de Carballo Evencio Ferrero (alcalde) Milagros Lantes, Luis Lamas, Juan Seoane, Marcos Trigo e Maica Ures (ata o de agora tíñaa parcial). Foi, como era de agardar, un dos puntos onde houbo algo de debate. Terra Galega votou en contra (entende que son demasiadas dedicacións exclusivas e que responden máis a «cuestións persoais» que a necesidades), mentres que PP e PSOE abstivéronse. Hai media dedicación parcial máis con respecto ao pleno organizativo do ano 2015, como quizo matizar a voceira socialista, María Carmen Vila, e non con respecto ao momento do mandato no que Xosé Regueira renunciou á súa dedicación exclusiva ao asumir a da Deputación. 

7. Asignación económica aos grupos políticos municipais. Cada grupo percibirá 100 euros ao mes, independentemente do número de membros que teña, e por cada concelleiro corresponderanlle 125 euros, a mesma cantidade dende fai 20 anos. Aprobado con 18 votos a favor (12 do BNG, 2 de Tega e 4 do PP) e 3 abstencións (PSOE).

8. Determinación do persoal eventual e retribucións. O Concello de Carballo podería contratar ata 8 persoas como persoal eventual, pero serán dúas: o secretario do alcalde e un técnico asesor de medio ambiente. TeGa votou en contra (2 votos), BNG e PP a favor (16) e o PSOE abstívose (3). 

9. Resolucións do alcalde nas seguintes materias:

  • a) Nomeamento da tenente de alcalde: serán, por esta orde, Belén Lendoiro, Milagros Lantes, Xosé Regueira, Maruxa Suárez, Marcos Trigo e Mar Eirís.
  • b) Delegación de competencias en concelleiros delegados: son as xa coñecidas, coa excepción de que Maruxa Suárez relevará a Mar Eirís como concelleira de Festas unha vez se peche o actual San Xoán.
  • c) Designación de membros da Xunta de Goberno Local e delegación de competencias.
  • d) Delegación de competencias en expedientes sancionadores de tráfico no concelleiro de Mobilidade e Seguridade.