Martinho Montero: «Penso que agora se lle vai dedicar por fin o Día das Letras a Carballo Calero»

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro CERDIDO

CARBALLO MUNICIPIO

Ramón Loureiro

O lingüista e académico afirma, convencido, que a lingua galega «non pode sobrevivir fóra do ámbito da lusofonía»

02 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Martinho Montero Santalha, (Cerdido, 1947), lingüista de prestixio internacional e académico, foi, durante longos anos, catedrático da Universidade de Vigo. Agora, xubilado xa do ensino, dedica a maior parte do seu tempo aos libros e á súa inmensa devoción pola cultura de Galicia. Firme defensor do reintegracionismo -corrente que defende a incorporación da lingua galega, especialmente no eido da gramática, ao ámbito da lusofonía-, está convencido de que a decisión de dotar o galego dunha normativa absolutamente diferenciada da do portugués foi un erro histórico. Sabe que, en múltiples sentidos, rema contra a corrente. Pero iso non lle importa, nin lle importou xamais. Home de firmes conviccións e dunha afabilidade infinita, defende as súas propostas sen pretender impoñer nada, cunha tolerancia absoluta, sempre cun sorriso e sen enfadarse nunca. Pero cunha firmeza total.

-Vostede, que foi o primeiro presidente da Academia Galega da Língua Portuguesa, tivo unha intensa relación, tanto de amizade como de carácter científico, con Carballo Calero. De feito, promoveu algúns dos grandes recoñecementos que o intelectual e escritor ferrolán recibiu en vida. Pensa que vai haber por fin un Día das Letras Galegas para Carballo?

-Si, a verdade é que si. Eu penso que agora se lle vai dedicar por fin o Día das Letras Galegas a Ricardo Carballo Calero. O feito de que iso aínda non teña sucedido é incomprensible. Estou seguro de que hai persoas ás que se lles dedicou o Día das Letras que, se soubesen que se lles ía dedicar a elas antes que a Carballo, non estarían nada conformes con iso. E sei ben de que falo, porque coñecín a esas persoas da mesma maneira que coñecín a Carballo, e ademais Carballo e esas persoas eran moi amigos entre si.

-Como era, no persoal, Carballo Calero?

-Unha persoa moi distinta da imaxe que polo xeral se ten del; era moi afable, moi cordial, e tiña un gran sentido do humor. Gustáballe moito cantar, por certo. En clase era unha persoa esixente cos seus alumnos, iso é verdade tamén, pero, da mesma maneira, era todo afabilidade. E moi respectuoso.

-Vostede estudou en Roma, onde incluso tivo ocasión de escoitar a Paulo VI. Pero tamén o seminario, en Mondoñedo, foi antes, nos seus primeiros anos, fundamental para vostede...

-Si, si, claro que si! O Seminario foi importantísimo para min, como o foi todo Mondoñedo. No seminario, aos quince anos, tiven ocasión de asistir á cerimonia de ingreso de Cunqueiro na Real Academia Galega.

-Que será do galego?

-O galego non pode sobrevivir fóra do ámbito da lusofonía. Cantos nenos teñen a día de hoxe en Galicia o galego como a súa primeira lingua? Ao paso que imos, dentro de corenta anos, en Galicia xa non falará galego case ninguén.