«O cristianismo e a ciencia ou a razón son totalmente incompatibles»

V. Couto / M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

XOAN A. SOLER

GENTES DEL FINIS TERRAE | Ramón Varela Puñal: «Nin os propios católicos aceptan xa a ética sexual da Igrexa», di o filósofo e teólogo, que mañá presenta obra na libraría Brañas Verdes de Carballo 

03 jun 2019 . Actualizado a las 22:00 h.

O cristianismo contra a razón é o título do novo ensaio do carballés Ramón Varela Puñal, catedrático de Filosofía e teólogo pola Universidade Pontificia de Salamanca. Varela explora e cuestiona os fundamentos filosóficos do cristianismo nun libro de oito capítulos que parten do Edicto de Milán, promulgado no século IV por Constantino, no cal se impuxo a liberdade de relixión no Imperio Romano, poñendo fin á persecución cristiá.

-Dende o mesmo título se coñece moito deste libro.

-Outros quizais titularían por «Conflito entre a razón e o cristianismo», pero eu non o entendo como unha loita entre dous que contenden, senón como un verdadeiro acoso por parte do cristianismo de cara á razón. Non hai conflito entre Xoán e Pedro, senón que Xoán acosa a Pedro.

-Cuestiona neste libro, entón, os fundamentos filosóficos do cristianismo?

-Si, evidentemente. Un dos capítulos, por exemplo, está dedicado á substancia, que ten un papel fundamental no cristianismo e que figura nunha serie de dogmas (o da Trinidade, o da Encarnación, o da inmortalidade da alma...). Esa noción de que a substancia se compón de materia e forma está totalmente abandonada, pois hoxe en día todos sabemos que a substancia se compón de átomos. Porén, para o cristianismo é moi importante, pois senón quedarían sen apoios para un dogma como o da alma, que é como unha forma para os cristiáns.

-Titulou o seu anterior ensaio «O cristianismo contra a ciencia». Son termos totalmente incompatibles ou hai algún punto no que poden convivir?

-Tanto no caso da ciencia, como no da razón, son totalmente incompatibles co cristianismo. Absolutamente inconciliables. Hai pouco dixo o Papa que o cristianismo se podía conciliar coa doutrina do Big Bang. Foi unha pena que non dixese como! Como se pode conciliar unha doutrina que di que Deus creou a Adán e Eva no Paraíso, cunha teoría que di que todo xurdiu no Universo sen necesidade dunha causa, de ningún ser exterior que o producise? O mesmo coa forma da Terra -esférica fronte a plana- ou coa teoría xeocéntrica... Non procede conciliar; e senón, que estes señores nos expliquen como.

-En que situación cre que está a Igrexa? A perda de poder dos últimos decenios é evidente.

-Eu creo que se mantivo tanto tempo debido á represión. Hai que lembrar que a Inquisición Española -unha das máis feroces de Europa- rematou no ano 1834. Entón, evidentemente, a partir de aí a xente pode falar e expresar a súa opinión. Desta maneira, hoxe é moi difícil soster o que é a ciencia actual co que promulga o cristianismo.

Isto pasa tamén a nivel práctico. Na ética hai unha contradición importantísima: por exemplo, a ética sexual da Igrexa non a aceptan nin os propios católicos. Con isto, eu véxolle un futuro moi negro á Igrexa nos nosos días. Creo que deberían cambiar, pero como non poden, ao estar agazapados nos seus dogmas, non confío en que poidan actualizarse. Son totalmente incapaces de adaptarse á sensibilidade ética dos días de hoxe.

-De todo isto e moito máis falará este xoves na libraría Brañas Verdes de Carballo, onde presentará o seu novo ensaio. Quen o acompañará nesta ocasión?

-Pois estará comigo Xavier Varela Otero, que foi profesor de Filosofía -agora está xubilado- e que tamén está formado en teoloxía. Entón, alí estaremos os dous tratando de explicar todo isto. A entrada é libre, co cal toda a xente interesada nestes temas é libre de asistir