Máis mensaxes para os pasos de peóns de Carballo: volve «Ruar e Rir»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A segunda edición desta iniciativa, impulsada arredor das Letras Galegas, adquire un novo significado e fins pedagóxicos

13 may 2019 . Actualizado a las 17:02 h.

Volve a Carballo «Ruar e Rir». Esta iniciativa impulsada no 2015 polo Concello de Carballo para darlle vida aos pasos de peóns da vila con frases filosóficas que suscitan reflexións, preguntas e levan a tomar a cidade como parte das vivencias dun, adquire agora un novo significado. Vén de presentarse a segunda edición con motivo das Letras Galegas e con marcado fin pedagóxico, tal e como indican: pintaranse 18 frases en distintos puntos, como os accesos aos institutos Monte Neme e Alfredo Brañas, e que son o resultado dun proceso creativo nos que participaron alumnos de segundo de bacharelato destes dous centros.

En cada un dos centros colaboradores, baixo a coordinación do sociólogo Santi Pazos, tamén alma máter da edición de hai catro anos, traballouse coa supervisión das profesores de Lingua Galega. Así, ata ir chegando pouco a pouco ás oracións definitivas que eles mesmos pintarán, unha actividade que xa botaron a andar onte.

Entre as elixidas, algunha como a que subtitula este «Ruar e Rir 2»: As esencias da cidade lévalas dentro dos zapatos. Outros exemplos: Precaución, aquí aprendemos a pensar; Polos cóbados respira o coñecemento ou A lectura é o atallo para a cultura.

Son arredor de 60 nomes os que están detrás deste proxecto colectivo que pretende ser unha homenaxe viva á lingua galega a través das verbas nos pasos de peóns. É por iso que as pintadas (hoxe, 10.00, paredes do IES Monte Neme) se levan a cabo en horario lectivo, antes do 17, e con artistas como Cristina Castro, María Marticorena, Santi Picos ou Mon Lendoiro. Lingua, vocabulario, ortografía, gramática e imaxinación son aspectos tocados polos rapaces ao longo da concepción desta nova edición da iniciativa.