Cruceiros

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO MUNICIPIO

10 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouco nos acordamos dos cruceiros, agás cando parten. De partir polo medio e de partir cara ao esquecemento. E iso que, por ter, temos un dos máis grandes de Galicia, en Romelle (Loroño). Hei de medir un día o de Santo Hadrián da Piña, Carballo, que non sei se lle andará lonxe, pero aí a clave está na base.

Lembrei os cruceiros relendo un moi documentado traballo de Olga Novo, escritora e profesora (hai 15 anos daba clase no instituto da Ponte do Porto) experta na Bretaña, sobre a viaxe que hai 90 anos xustos fixera Castelao e a súa dona á Bretaña para documentar esas cruces de pedra, que en moitos casos son calcadas ás nosas, ou ao revés. Maio do 29, xa choveu, e alí chove tanto como onte aquí. O que foi cura de San Cremenzo tenme contado, e eu creo que publicado, que se inspirou nun deles para deseñar o novo do cemiterio do Allo, que ben harmónico e fermoso é. O que ninguén me contou, pero non hai quen mo saque da cabeza, é por que o que está na beira da igrexa de Entrecruces ten os mesmos vultos na vara como en tantos bretóns: facían así para espantar a peste bubónica. E hai unhas anotacións na base que tamén me chaman moito. Cousas de mirar tanto para eles: se algúns condutores miraran a metade ca min non se estamparían nunca neles dando marcha atrás.

Hai que falar máis dos cruceiros, e de paso botarlle máis olladas día si e día tamén, que temos unha riqueza enorme que non valoramos. Hai parroquias con xoias extraordinarias que van morrendo con certo desleixo. E, xa postos, habería que ler máis tamén a Castelao, polo menos cando escribe dos cruceiros, pero iso xa é cousa de cada un.